CIDADE

Unha recepción aos maiores abre os actos do XX aniversario da designación de Santiago como Patrimonio da Humanidade

01/12/2005 Hoxe, xoves 1 de decembro, comezan os actos conmemorativos do XX aniversario da designación de Santiago como Patrimonio da Humanidade, cunha recepción no Hostal dos Reis Católicos ás persoas maiores de Santiago que contribuíron a conservar a nosa cidade histórica. No acto entregarase aos asistentes o cd "A voz dos maiores", editado pola concellería de Benestar Social e que recolle a testemuña oral das vivencias e lembranzas de trinta homes e mulleres dos barrios de Fontiñas e Pontepedriña.

Santiago de Compostela foi nomeada o 4 de decembro de 1985 cidade Patrimonio da Humanidade pola Unesco, se ben o galardón non lle foi entregado ata marzo de 1986 recoñecemento de Santiago como Patrimonio da Humanidade foi posíbel, en palabras do propio alcalde, "porque composteláns coma vós, veciños da cidade histórica, mantiveron vivo e fermoso, cos seus coidados e cariño, o noso máis prezado tesouro: a cidade histórica. Foron, fustes, os artífices e protagonistas deste título que situou a nosa cidade entre as máis estimadas e recoñecidas do mundo, polo seu patrimonio histórico e monumental".

Os actos conmemorativos seguirán desenvolvéndose o venres 2, coa celebración dunha xornada baixo o lema "Celebramos Patrimonio, Celebramos Compostela 1985-2005", que inaugurará o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo ás dez da mañá no Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC). De seguido, o arquitecto Álvaro Siza, recoñecido internacionalmente cos máximos galardóns (Premios Pritzer e Mies van der Rohe) e considerado un dos máis singulares arquitectos contemporáneos pola profunda pegada que deixa o seu singular e poético tratamento dos espazos públicos e da luz, dará unha conferencia.

A xornada continuará co debate "Compostela vinte anos despois: novos horizontes", no que participarán Manuel Gallego Jorreto, arquitecto; Javier Eugenio Ramos Guallart, secretario xeral de vivenda do Ministerio de Vivenda; Francisco Candela Castrillo, concelleiro de turismo do Concello de Santiago e Rubén Lois, director xeral de Turismo da Xunta de Galicia. A moderadora do debate será Mercedes Rosón Ferreiro, concelleira de Rehabilitación e Casco Histórico de Santiago.

Esa mesma tarde, ás 20.00 horas no Auditorio do CGAC, Álvaro Siza será condecorado coa Medalla de Ouro ao Mérito Cultural e nomeado Fillo Adoptivo, recoñecementos aprobados por unanimidade no pleno do pasado 27 de outubro. Siza participou no Plan Especial de Rehabilitación de Santiago e é o autor do CGAC, a facultade de Ciencias de Comunicación e o parque San Domingos de Bonaval.

Compartir: