IGUALDADE

O curso "A saúde a través da arte" ensina a quince mulleres a redescubrir as súas habilidades a través da plástica

07/04/2010 Vén de comezar no Centro Sociocultural das Fontiñas a terceira edición do curso A saúde a través da arte, organizado pólo Centro de Información á Muller da Concellería de Igualdade. Na nova convocatoria desta singular experiencia terapéutica e plástica conflúen as mulleres que asistiron á edición de xaneiro de 2009 e á de outubro do mesmo ano.

A saúde a través da arte baséase na experiencia de vivir procesos internos, sentimentos e emocións. A través de diferentes técnicas plásticas, achega ás participantes ao redescubrimento das súas propias capacidades e habilidades, desenvolvendo a autoestima nun espazo de diálogo e encontro a través de procesos creativos en grupo.

Este taller quere potenciar o estado de saúde e benestar das mulleres a través do traballo creativo, favorecendo o descubrimento persoal de procesos internos. Tamén ten como obxectivo desenvolver a autoestima e a capacidade de expresión, ensaiar diferentes técnicas plásticas e promover un espazo de diálogo, encontro e integración.

O curso estrutúrase en oito sesións, distribuídas a razón dunha sesión de dúas horas e media por semana, os martes. A primeira tivo lugar o 6 de abril e a última será o 25 de maio. As clases son impartidas no CSC das Fontiñas polo arteterapeuta e artista plástico Ismael Rodríguez Fraga.

Compartir: