CONSORCIO

O Consorcio impulsa a conmemoración do 800 aniversario da consagración da Catedral

06/04/2010 A Comisión Executiva do Consorcio de Santiago, reunida o 30 de marzo, decidiu realizar un esforzo de impulso ao 800 aniversario da consagración da Catedral de Santiago, feito que se conmemorará o 21 de abril de 2011. A iniciativa foille explicada á ministra de Cultura, Ángeles González-Sinde na súa visita ao Consorcio e ás obras do futuro Museo das Peregrinacións e de Santiago.

O apoio xirará en torno a dúas accións; por unha parte proponse a realización de exposicións conmemorativas no Museo Catedralicio e na nova sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago, que o Consorcio está a construír no antigo edificio do Banco de España, e, doutra, elaborarase un plan de exencións fiscais que permita ás entidades privadas colaborar na execución de obras vinculadas ao Plan Director da Catedral de Santiago.

Deste xeito, o Consorcio de Santiago liderará o programa de impulso á efeméride, acreditando que as diferentes obras de execución levadas a cabo polas entidades privadas se axustan ao plan do programa establecido polo propio Consorcio de Santiago. Neste sentido, a Ley 49/2002 sobre incentivos fiscais ao mecenazgo permite que un órgano interadministrativo, como é o Consorcio de Santiago, lidere o programa de apoio a acontecementos de excepcional interese público, como é o caso do 800 Aniversario da Catedral de Santiago. Este programa de apoio concrétase nunha serie e incentivos e bonificacións fiscais que se aplicarán ás actuacións relacionadas coas obras contempladas no Plan Director da Catedral.

O Plan Director da Catedral de Santiago
O Plan Director da Catedral de Santiago, destinado a regular todas as obras a executar na conservación do conxunto arquitectónico da basílica xacobea, ten o seu inicio en 2005, cando a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e o Cabildo da Catedral asinan un convenio de colaboración. Tralas aprobacións preliminares o Plan foi aprobado finalmente polo Concello de Santiago o 27 de outubro de 2009. O plan establece un programa de actuación que contempla intervencións prioritarias, outras secundarias e actuacións de remate en fachadas, cubertas e torres, entre outras, por un importe total de 24 millóns de euros.

A consagración da Catedral
O 21 de abril de 1211 tiña lugar a solemne cerimonia de consagración da Catedral de Santiago, presidida polo entón rei de León Alfonso IX, ao que acompañaron o seu fillo, o futuro rei San Fernando, 10 bispos galegos e portugueses e todas as personalidades eclesiásticas e civís de León e Galicia. Foi sen dúbida o principal evento dunha cidade que neses momentos gozaba de numerosos privilexios que permitiron acometer o final das obras na basílica, a cargo do Mestre Mateo, e axudaron a que se implantasen en Compostela ordes relixiosas, artesáns e operarios. Todo nun dos momentos máis álxidos das peregrinacións á tumba do Apóstolo Santiago.

Museo das Peregrinacións
Por outra parte, o proxecto de intervención no antigo Banco de España para adecualo a nova función de Museo das Peregrinacións e de Santiago avanza a bo ritmo, tal e como comprobou a ministra de Cultura, Ángeles González-Sinde. Esta visitou as obras de remodelación levadas a cabo polo Consorcio de Santiago en compañía do conselleiro de Cultura, Roberto Varela; do alcalde e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo; e do arquitecto Manuel Gallego Jorreto. Antes asistiu na sede do Consorcio de Santiago á presentación da maqueta do edifico do futuro museo e asinou no libro de ouro do ente interadministrativo.

O edifico do antigo Banco de España pasou a ser propiedade do Consorcio de Santiago en xullo de 2008. A cesión levouse a cabo en virtude do protocolo de colaboración celebrado en decembro de 2007, polo que se establecía que a aportación do Estado ao Consorcio para 2008 sería de case 12 millóns e medio de euros, dos que 4.292.367 euros corresponden a tasación do edificio como aportación en especie. Posteriormente, as obras de remodelación foron adxudicadas á UTE formada polas empresas Neorsa, Geocisa e Seis, por un importe total de 5.428.355 euros.

O proxecto de remodelación do arquitecto Manuel Gallego Jorreto non se pode concibir á marxe da súa ubicación ao pé da Catedral nin do seu emprazamento na emblemática praza de Praterías. Polo que respecta ao interior do edificio, as modificacións que se levarán a cabo afectan fundamentalmente á case única utilización do seu interior como espazo expositivo en detrimento doutros usos. A escasa altura da primeira e segunda planta motivou a creación dun espazo integrador e de relación que permita unha fácil orientación ao visitante. Deste xeito conséguese un espazo xeneroso en altura que permita a relación visual desde diferentes prantas; espazo que se incorpora ao antigo edificio como de nova creación.

Partindo da aceptación do edificio como parte consolidada dun conxunto rematado, a ampliación do Museo realizarase incorporando un elemento complementario de nova arquitectura que se aproxima á antiga, respectando o edificio existente. A actuación intégrase sen variar a altura e conservando as cornixas como referencias importantes. Esta construción lixeira plantéxase con vidro, material perfectamente compatible coa pedra. Unha construcción adosada ao edificio antigo como unha gran galería chea de vibracións e transparencias que recollan o movemento da xente e a vida do Museo que se realiza á luz do día.

O obxectivo do proxecto é que o espazo do Museo permita o funcionamento diverso e complexo como centro de exposicións. A espectacular presenza da Catedral, e sobre todo, da torre da Berenguela, farase presente a través dun gran lucernario, unha vez que os visitantes cheguen á primeira pranta, transformando de maneira espectacular o recorrido do Museo a medida que van ascendendo. Os usuarios da cafetería do Museo tamén poderán dispoñer dunha visión da Catedral e dos edificios colindantes, o que engadirá outro atractivo a este lugar. Un lugar pensado para que a colección permanente do Museo se transforme nun itinerario que remate asomándose á cuberta co fin de contemplar a Catedral e a cidade.

O futuro Museo, que conta cunha superficie construída de 3.466 metros cadrados, non se concibe como única sede, xa que se complementará co actual edificio do Museo das Peregrinacións, actualmente ubicado na Casa Gótica, cunha superficie útil de 1.284 metros cadrados, e coa Casa do Cabido, tamén na praza de Praterías, adquirida polo Consorcio con esta finalidade e que dispón de 236 metros cadrados.

Compartir: