TURISMO

Turismo de Santiago atendeu 7.405 consultas en Semana Santa na súa oficina

05/04/2010 Turismo de Santiago atendeu 7.405 consultas entre o 27 de marzo e o 4 de abril na súa oficina de información, situada na rúa do Vilar. Esta cifra supón un crecemento do 28,31% respecto das 5.309 da Semana Santa do 2009, que se celebrou entre o 4 e 12 de abril, e do 47,96% respecto das 6.756 da Semana Santa do Ano Santo Compostelán do 2004, que tivo lugar entre o 3 e o 11 de abril. O turismo doméstico foi o que tivo un maior peso nas consultas atendidas.

Na Semana Santa atendéronse 5.676 consultas de turismo doméstico, que significan un crecemento do 39,53% respecto das 3.432 que se atenderon na Semana Santa do 2009, e do 10,54% respecto das 5.078 do ano 2004. De turismo internacional atendéronse 1.729 consultas, o que se traduce nun descenso do 8,56% respecto das 1.877 do ano 2009, e un crecemento do 2,95% respecto do 2004.

Dentro do turismo doméstico, a comunidade autónoma con maior número de consultas foi Madrid, cun total de 1.572. A continuación veñen as consultas feitas polos propios composteláns, con 606. Despois veñen Cataluña, con 597; País Vasco, con 507; Castela e León, con 417; e Andalucía, con 386.

En turismo internacional atendéronse consultas de persoas procedentes de máis de 40 países. Os países con máis consultas atendidas foron Portugal, con 308; Alemaña, con 277; Italia, con 192; Francia, con 190; e Reino Unido, con 111.

Os días nos que se atenderon máis consultas foron o venres 2 de abril, con 1.649; o xoves 1, con 1.106; e o sábado, con 1.004.

Documentos relacionados



Compartir: