BENESTAR SOCIAL

Benestar Social inicia un programa de educación para adultos nos centros socioculturais de Vite e Fontiñas

05/04/2010 A Concellería de Benestar Social inicia o martes 6 de abril, un Programa de Educación para Persoas Adultas. Impartiranse dous cursos de alfabetización, un de alfabetización dixital e un curso de español para estranxeiros. Estas sesións, que se estenderán ata o 24 de xuño, responden a unha necesidade detectada pola Concellería. Proba disto é que as prazas están xa cubertas na súa totalidade.

No Centro Sociocultural de Vite impartirase un Curso de alfabetización dixital (iniciación á informática), destinado a persoas que precisen adquirir habilidades educativas e profesionais para participar no mercado laboral con maior seguridade, mellorar habilidades profesionais e ampliar os seus coñecementos mediante un novo medio de información actual e atractivo. As sesións terán lugar os martes e xoves en horario de 10:00 a 11:30 horas.

Tamén en Vite realizarase un Curso de alfabetización (Nivel I). Os martes e xoves, de 11:30 a 13:00 horas, participarán neste curso persoas adultas que non dominan as técnicas instrumentais elementais. O obxectivo das sesións é dotar a estas persoas de coñecementos, destrezas, habilidades e técnicas imprescindibles que lles faciliten a súa promoción persoal, social e laboral.

Outro Curso de alfabetización, pero neste caso no Nivel II, impartirase no Centro Sociocultural das Fontiñas. Neste caso o curso está dirixido a persoas que manexan destrezas básicas pero non acadan os coñecementos mínimos para obter o Graduado ESO. As clases serán os martes e os xoves de 16:00 a 17:30 horas.

Finalmente, os mesmos días, pero entre as 17:30 e as 19:00 horas, tamén en Fontiñas, Curso de español para estranxeiros (ELE). Os seus destinatarios son inmigrantes que precisan dos recursos comunicativos imprescindibles para o manexo de situacións cotiás e para relacionarse no ámbito comunitario dun xeito eficiente.

Compartir: