ALCALDÍA

O acceso á Catedral realizarase unicamente pola praza de Praterías

31/03/2010 O xoves 1 de abril será o primeiro de ensaio xeral das medidas postas en marcha para facilitar o acceso á Catedral durante o Ano Santo. Será o momento de comprobar o funcionamento do control de aforo, da prohibición da entrada de mochilas ou da circulación de persoas dentro do recinto relixioso.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo pediu "desculpas por adiantado" ante as posibles molestias que poda causar este operativo, cuxo ensaio nesta Semana Santa servirá para facer as correccións que sexan necesarias para o resto do ano. Entre as medidas previstas está que o acceso á Catedral se realizará unicamente por Praterías. Os peregrinos e visitantes que entren pola Porta Santa sairán novamente pola Quintana e deberán dirixirse a Praterías se queren acceder outra vez ao recinto catedralicio.

Tamén recordou Sánchez Bugallo que non se poderá entrar na Catedral con mochilas. Habilitouse para o seu depósito unha consigna na Casa do Deán e no aparcadoiro de Xoán XXIII, onde tamén se poderán deixar as bicicletas. Así mesmo, poderanse empregar as consignas da estación de autobuses. Permitirase a entrada con bolsos de man, que serán revisados polos axentes de seguridade, polo que se pide a máxima colaboración.

Outra das cuestións que poderán percibir os visitantes nestas datas da Semana Santa é o operativo de seguridade posto en marcha no seu grado máis alto. Así, estes días o dispositivo reforzouse con case 200 axentes máis. Rematada a Semana Santa, o operativo volverá ao seu nivel normal, con preto de 70 axentes a maiores dos habituais.

Novas rutas aéreas
Na súa rolda de prensa semanal, o alcalde tamén se referiu á posta en marcha da nova ruta aérea a Zúrich "cun éxito extraordinario" e á recuperación da ruta a Reus. Amosouse "moderadamente satisfeito" por estas novas conexións, se ben lembrou que "algunha outra unha outra ruta tiña que terse aberto en Santiago".

Sobre a marcha dos datos turísticos, indicou que "os únicos datos que temos por agora, os de reservas, parece que van bastante ben". Non obstante, lamentou que a climatoloxía non acompañe para lograr uns resultados mellores.

Fusión das caixas
Finalmente, o rexedor municipal referiuse ao proceso de fusión das caixas galegas, desexando que do mesmo saia un escenario "razoablemente equilibrado". "Non sería bo que alguén se sentise triunfador se alguén se sentise derrotado", engadiu, recordando a "prudencia" coa que Santiago actuou neste tema, pois "non queremos contribuír a crear ningún problema".

Compartir: