MOBILIDADE E TRANSPORTES

O aparcadoiro de Xoán XXIII incorpora un servizo de custodia de bicicletas e mochilas

29/03/2010 O xoves 1 de abril porase en marcha no estacionamento de Xoán XXIII un estacionamento para bicicletas privadas e unha consigna para mochilas. Así se acordou no último Consello de Administración da Sociedade Municipal de Xestión do Transporte Urbano (TUSSA), que pechou o exercicio 2009 cun resultado positivo de 12.915 euros.

O concelleiro de Mobilidade e Transportes, Carlos Nieves, anunciou este novo servizo do estacionamento de Xoán XXIII. Os visitantes poderán deixar as súas bicicletas por unha tarifa de 2 euros por día. O mesmo prezo estableceuse para os que deixen a mochila durante toda a xornada. No caso de utilizar os dous servizos, o prezo diario será de 3 euros. O edil manifestouse convencido do éxito deste servizo, dada a proximidade ao casco histórico do aparcadoiro.

Por outra parte, Nieves explicou as contas de TUSSA do ano 2009, nas que a sociedade ingresou 1.303.449 euros e gastou 1.290.533 euros, para deixar un resultado despois de impostos de 12.915 euros. En canto ao balance, en termos globais de activo e pasivo, a cifra obtida foi de 881.377 euros.

Salientou que os resultados de TUSSA seguen sendo positivos cada ano, malia o importante número de investimentos que se veñen realizando cada campaña. Así, do 2009, destacou as obras de mellora e acondicionamento de estadías da estación de autobuses (37.900 euros), a renovación e ampliación dos baños públicos do aparcadoiro de Xoán XXIII (24.807 euros), a reparación do ascensor neste mesmo estacionamento, o pintado no aparcadoiro vixiado de Belvís ou a limpeza e reparación das marquesiñas do rural, ademais da posta en marcha da campaña + Bus.

Descenso no numero de pasaxeiros en 2009
O concelleiro tamén deu conta dos resultados do transporte urbano en 2009. O ano pechouse cun total de 7.619.517 pasaxeiros, o que supón a redución nun 2,8% (217.829 viaxeiros menos) respecto a 2008. As razóns desta baixada foron varias, segundo explicou, comezando polo feito de que 2009 tivo tres días laborables menos que o ano precedente.

Outros factores que incidiron na baixada do número de viaxeiros foron os temporais dos días 9 de febreiro e 16 de decembro, ou as tractoradas dos días 17 e 18 de xuño, 14,15 e 16 de xullo e 9 e 15 de decembro. Á marxe disto, a xuízo de Nieves, foi clara a influencia da situación económica. "Os cidadáns de maior renda seguen movéndose en coche, mentres que as máis vulnerables economicamente seguen desprazándose en transporte público, pero menos, nuns casos por aforro e noutros por quedar en situación de desemprego", dixo, recordando que a baixada media do sector en España foi do 3%.

Como datos significativos apuntou a subida dos usuarios que utilizan o transbordo gratuíto nun 4,75% respecto ao ano anterior, así coma o descenso do número de usuarios o billete ordinario nun 5,65% e o aumento dos usuarios do bono ordinario nun 1,10%. Esta evolución demostra, segundo o concelleiro, que os usuarios utilizan cada vez máis as melloras introducidas nos últimos anos.

Compartir: