URBANISMO

Os beneficios de Emuvissa superaron os 394.000 euros en 2009

29/03/2010 O Consello de Administración de Emuvissa, presidido polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, acordou formular as súas contas anuais correspondentes ao exercicio do 2009. A sociedade presentou un resultado final, despois de impostos, cun beneficio de 394.457,34 euros.

No relativo ao seu patrimonio, a empresa municipal acadou un incremento no seu Balance de Situación de case un 9% pasando de 58 a 63 millóns de euros. A base deste crecemento foi o aumento de existencias de promoción en curso nos novos solos que están a desenvolverse na cidade para vivenda protexida: Pontepedriña, Castiñeiriño, Lamas de Abade, Tras Paxonal e A Muíña. A sociedade, que se autofinancia, presenta un notable equilibrio financeiro que se reflicte nun fondo de manobra positivo e superior a 3 millóns de euros.

A nivel de execución das súas previsións, Emuvissa superou o 100% (110%), tendo en conta que por motivos de tramitación de planeamento non puideron iniciarse ao longo de 2009 as actuacións por cooperación nos solos industriais de Costa Vella e Formarís nin a actuación residencial da Pulleira.

No ano 2009, Emuvissa rematou dúas actuacións encomendadas polo Concello: o polígono SUNP-22 de Castro de Abaixo, xestionado por expropiación, e o SUP-6 de Santa Marta, xestionado en cooperación. Ambos polígonos están urbanizados e as obras, recibidas polo Concello. Foron 18,8 hectáreas urbanizadas con 1.109 vivendas construídas, incrementáronse en 6,4 hectáreas as zonas verdes e equipamentos da cidade e ampliouse a rede viaria en 5,4 hectáreas.

Tamén no ano 2009, Emuvissa continuou e iniciou obras de urbanización en 332.396 metros cadrados da cidade con capacidade para 1.979 vivendas, das cales un 74,3% (1.469) están en construción.

Polo tanto, Emuvissa remata o exercicio do 2009 cun notable beneficio, sen risco de liquidez e sen débedas con entidades de crédito. O seu nivel de actividade e moi elevado, estando a urbanizar máis de 33 hectáreas de solo na cidade e coordinando a execución destas obras con máis de 1.000 vivendas de protección en construción.

Novas bases para o alleamento de parcelas
No Consello de Administración tamén se aprobou o prego de bases para concurso de alleamento de parcelas. Trátase da aprobación dun prego de carácter común para alleamentos a realizar durante o ano 2.010 nos polígonos SUP-7 Pontepedriña, SUNP-14 Tras Paxonal, SUNP-11 Castiñeiriño, SUNP-5 A Muíña, SUNP-22 Castro de Abaixo e SUNP-12 Lamas de Abade.

As 13 parcelas para o concurso supoñen 15.800 metros cadrados de solo para 355 vivendas de protección en réxime especial, xeral ou prezo concertado. Estas parcelas sairán a concurso nos próximos meses coincidindo co remate da urbanización de polígonos como Pontepedriña e Tras Paxonal.

A novidade no prego de bases consiste en flexibilizar as condicións de adquisición das parcelas, especialmente na forma de pago. En anteriores pregos establecíanse dous prazos de pago e mentres non se pagase totalmente a parcela non se adxudicaba definitivamente a mesma; polo tanto non se transmitía a parcela e non se escrituraba nin se podía inscribir a nome do adxudicatario.

No novo prego realízase unha compravenda con prezo aprazado; con adxudicación provisoria e adxudicación definitiva automática no caso do pagamento do primeiro prazo de pago nun mes dende a notificación da adxudicación. Neste momento procederíase a escriturar a compravenda e transmitiríase a propiedade, se ben sometida á condición resolutoria expresa no caso de falta de pago.

No novo prego, a prolongación dos prazos de pago realízase do seguinte xeito: un 20% do prezo da parcela e do IVE correspondente deberase aboar no prazo máximo dun mes a contar dende a notificación da adxudicación; un 30% deberase aboar no prazo máximo de seis meses seguintes á notificación da adxudicación; e o 50% restante do prezo da parcela deberase aboar no prazo máximo de doce meses seguintes á notificación da adxudicación, coa posibilidade no segundo e terceiro prazo de solicitar a Emuvissa a prórroga dos prazos establecidos por un tempo máximo de seis meses cada un deles.

Atendendo a situación actual, Emuvissa flexibiliza as condicións de pago das parcelas nun momento no que é difícil atopar financiamento.

Compartir: