PLENO

A Corporación aproba unha declaración en defensa da integridade da USC e da titulación de Medicina

29/03/2010 Nun Pleno extraordinario convocado ao efecto, a Corporación municipal aprobou por unanimidade unha declaración institucional en defensa da Universidade de Santiago e da titulación de Medicina.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, procedeu á lectura da declaración institucional, na que se acorda "apoiar lealmente, como vén sendo habitual, todas as accións da USC encamiñadas á defensa da súa integridade e do servizo público que presta a Galicia". Neste marco, a Corporación manifesta a súa oposición a "calquera iniciativa orientada á división ou segregación da titulación de medicina no ámbito da USC". Finalmente, determínase "apoiar o proxecto de Campus da Saúde da USC coma un proxecto de Galicia, solicitando o compromiso de todas as administracións públicas para garantir o seu pleno desenvolvemento".

Na proposición xustifícase a necesidade desta declaración á vista das dúbidas e interpretacións xurdidas polo acordo asinado o 26 de febreiro entre os reitores das tres universidades galegas e a Xunta para impartir a docencia clínica da titulación de Medicina nos hospitais universitarios de Santiago, A Coruña e Vigo. Considérase que "a división ou segregación do ámbito da USC suporía unha ruptura dos principios do mapa de titulacións aceptado no momento histórico da segregación dos colexios universitarios para creación das universidades da Coruña e de Vigo, mediante o que a USC renunciou a outras titulacións para manter en exclusiva a docencia de medicina".

Considérase que "plantexar unha división do ensino da medicina en momentos de crise coma os actuais só contribuiría a empobrecer" un sistema investigador e docente "que vén demostrando dende hai séculos unha probada eficacia e solvencia". Do mesmo xeito, di a declaración, "unha hipotética división ou segregación, ademais de supor un aumento do gasto, produciría unha diminución da eficacia e da calidade".

Documentos relacionados



Compartir: