REHABILITACIÓN

Os concelleiros de rehabilitación das cidades acordan unha postura ante a proposta de financiamento para o Portelo Único

26/03/2010 A concelleira de Rehabilitación e Cidade Histórica, Olga Pedreira, asistiu a unha xuntanza en Pontevedra na que se reuniron os responsables políticos das Oficinas de Rehabilitación de Vivenda das cidades de Pontevedra, Santiago, Vigo, A Coruña, Lugo, Ourense, Ferrol e Vilagarcía de Arousa. A xuntanza tiña como obxectivo falar do borrador de convenio remitido polo Instituto Galego da Vivenda e Solo para o financiamento das oficinas de rehabilitación (Portelo Único) que lles encomenda a xestión de todos os programas estatais e autonómicos de vivenda.

Diante deste borrador e logo da reunión, os concelleiros fixeron públicos os seguintes acordos:

Primeiro: Con antelación á sinatura de calquera convenio debe abrirse un proceso de negociación, no marco da cooperación e lealdade institucional, para definir con claridade o contido dos programas a incluír e a correspondente dotación económico-financeira que faga posible a xestión dos programas.

Segundo: Defender a necesidade de continuar a facer políticas públicas de vivenda que dean resposta ás necesidades obxectivas da sociedade galega, no marco dunha política social global que non pode ser vítima dos recortes derivados da pretendida austeridade administrativa.

Terceiro: Solicitar unha entrevista ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para definir un marco de relación que permita asinar convenios de colaboración destinados a optimizar a xestión de todos os programas en materia de vivenda.

Compartir: