TURISMO

A BBC escolle Santiago como referencia nunha serie sobre a gastronomía española

26/03/2010 A gastronomía galega está de moda. A televisión pública británica BBC grabará "Rick Stein’s Spain", unha serie de catro capítulos dunha hora de duración sobre a gastronomía española, onde os produtos e pratos galegos terán un lugar destacado. Por decisión do cociñeiro e condutor do programa, Rick Stein, a serie comezará e terminará con imaxes de Santiago de Compostela e da súa gastronomía. A rodaxe da BBC en Santiago conta coa colaboración da Santiago de Compostela Film Commission (SCFC), servizo de Turismo de Santiago para a promoción audiovisual da cidade.

Rick Stein é un cociñeiro que traballa especialmente con peixes e mariscos. Na actualidade é un dos cociñeiros británicos máis coñecidos no país. É propietario de catro restaurantes, unha tenda de delicatessen, e unha innovadora escola de cociña de peixes e mariscos, no pequeno porto pesqueiro de Padstow, na costa norte de Cornwall. É ademais propietario dun restaurante en Australia, tamén especializado en produtos do mar.

Rick Stein é tamén unha personaxe moi popular no Reino Unido polos seus programas gastronómicos en televisión. En 1995 gravou a súa primeira serie televisiva, chamada Os sabores do mar. Dende entón ten feito oito series máis. As primeiras catro foron exclusivamente sobre os produtos do mar. As seguintes xa foron viaxes gastronómicas por outros lugares, como Francia, a costa do Mediterráneo ou Oriente, explorando a cociña de Malasia, Camboia, Tailandia ou Vietnam.

Hai doce anos, nunha das súas viaxes, Rick Stein estivo en Santiago de Compostela e probou os peixes e mariscos galegos, dos que se converteu nun admirador. Por este motivo decidiu que a serie que emitirá a BBC sobre a gastronomía española comezase e rematase con Santiago de Compostela e a cociña galega. O programa gravarase na vindeira semana, con diferentes localizacións na cidade, pero tamén noutros puntos de Galicia.

Compartir: