CONSORCIO

O Programa ConCiencia trae de novo á cidade a catro líderes mundiais da ciencia

26/03/2010 Catro persoeiros da máxima relevancia científica no ámbito internacional visitarán en datas próximas a cidade de Compostela para participar na quinta edición do Programa ConCiencia, que organizan o Consorcio e a Universidade de Santiago. Trátase do Premio Nobel de Física 2007 Albert Fert, do Nobel de Química en 1996 Harold W. Kroto e do Nobel de Medicina en 1993 Richard J. Roberts. Falta confirmar o cuarto científico convidado, que visitaría Santiago logo do verán.

O programa trata de achegar a cultura científica á sociedade en base a visitas a Galicia de Premios Nobel ou análogos buscando ademais a maximización do impacto social dos actos e a realización de foros de expertos na disciplina afín ás persoas convidadas. Os detalles do programa deste ano explicáronos en rolda de prensa o alcalde e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo; o reitor da USC, Senén Barro; o xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva; e o director do programa, Jorge Mira.

Albert Fert
Albert Fert (Francia, 1938) acadou en 2007 o Premio Nobel de Física polo descubrimento da magnetorresistencia xigante. Este novo fenómeno, atopado en materiais mixtos, deu lugar a unha revolución no eido do rexistro e acceso á información. O tempo de transferencia do coñecemento dende a fase de investigación básica á de aplicación industrial foi de apenas unha década, co cal converteuse en paradigma. O seu achado, unha das principais aplicacións reais do emerxente campo da nanotecnoloxía, está presente nos ordenadores portátiles, reprodutores musicais e, en xeral, en moita da electrónica de consumo que usamos actualmente.

Tense previsto realizar, ao abeiro da visita do profesor Fert o vindeiro 29 de abril, un encontro dos principais líderes españois no eido da chamada ‘espíntrónica’, que contará con presenza do tecido investigador galego.

Harold Kroto
O Nobel de Química mereceuno en 1996 Sir Harold W. Kroto (Reino Unido, 1939) polo descubrimento dos fullerenos, unha forma de cristalización do carbono que abriu unha nova porta de posibilidades na química orgánica, dadas as condicións de estabilidade e versatilidade desa nova estrutura. A mesma serviu para dar con outras novas baseadas en átomos de carbono, como os nanotubos, que permiten a fabricación de materiais resistentes a altas temperaturas e incluso como substitutivos do silicio nos chips. Kroto estará en Santiago o 27 de maio.

Richard J. Roberts
Richard J. Roberts (Reino Unido, 1943) acadou o Nobel de Medicina en 1993 polo descubrimento dos intróns, fragmentos de ADN presentes nos xenes pero que non codifican información. Descubriu tamén que os xenes poden ser descontinuos, é dicir, que un xene dado pode estar presente no ADN en diferentes segmentos ben separados. Ao principio descubrírono nun virus típico causante de catarros, o chamado adenovirus, pero pronto se viu que estes intróns son frecuentes en organismos superiores, como o ser humano.

O descubrimento de Roberts, que visitará Santiago tras o verán, non foi só de importancia capital como fundamento da moderna bioloxía, senón que o foi tamén para investigación médica orientada no eido do cancro e outras enfermidades.

Edicións pasadas
Proxectar a imaxe de Santiago de Compostela como foco universal do pensamento, servir de ponte para o reforzamento de contactos entre líderes da máxima relevancia científica mundial e o corpo de investigadores da USC, involucrar ao persoal investigador en actividades de divulgación científica e, sobre todo, incrementar a cultura científica na cidadanía son os grandes obxectivos que busca o Programa ConCiencia.

Referencia xa en España, tras esta edición o programa sumará 22 visitas dos principais líderes mundiais da ciencia (19 do ConCiencia e 3 do Premio Fonseca) cunhas taxas de penetración social que superaron amplamente as expectativas iniciais.

Nas pasadas edicións participaron os Premios Nobel de Física Frank Wilczek, Gerardus ‘t Hooft, Heinrich Rohrer e James Watson Cronin; de Medicina e Fisioloxía Torsten N. Wiesel e Harold Elliot Varmus; de Química Richard R. Ernst, Karl Barry Sharpless, Jean-Marie Lehn e Roger David Kornberg; de Economía, John Nash; o Premio Abel Peter Lax; a Medalla Fields Michael F. Atiyah e o Premio Turing Frances Elizabeth Allen.

Premio Fonseca
Tamén ao amparo do Programa ConCiencia, hai dous anos naceu o Premio Fonseca destinado a recoñecer ás principais figuras mundiais na comunicación da ciencia. Coa aceptación do premio os gañadores comprométense a desenvolver en Santiago actos públicos. En 2008 o gañador foi Stephen Hawking, a quen lle seguiu en 2009 James Lovelock, pai da Teoría de Gaia.

O 6 de abril reunirase o xurado da III edición deste premio, e anunciarase o gañador aos medios ás 11:30 horas.

Compartir: