EDUCACIÓN

CiberCaixa de Roxos: programa educativo e lúdico para conciliar a vida familiar e laboral

07/11/2011 O CEIP de Roxos-Villestro acolle a primeira CiberCaixa. Quedamos ao saír de clase, unha iniciativa de acollida para nenos e nenas de entre 3 e 12 anos que ofrece un contorno educativo non formal en horario extraescolar e en períodos de vacacións. Este proxecto, nacido da colaboración da Concellería de Educación coa Fundación "la Caixa", pretende axudar ás familias a conciliar a vida familiar e laboral.

A CiberCaixa ofrece tres espazos totalmente equipados. Arredor dun deles, o de informática, xira o programa. Nel, os rapaces poden buscar información para facer as tarefas escolares ou obter información sobre temáticas de interese particular, levar a cabo actividades lúdicas e comunicarse. Para isto, contan cunha zona equipada con ordenadores.

Outro espazo é o de lectura e de audiovisuais. Alí, os menores atopan material bibliográfico e equipos audiovisuais para potenciar a lectura, a imaxinación e a comunicación: contos, novelas, libros temáticos de consulta, programas audiovisuais, películas, etc.

Finalmente, a CiberCaixa conta cun espazo infantil, equipado con mobiliario e recursos específicos para os máis pequenos: material de contido pedagóxico, programas educativos e actividades lúdicas libres ou dirixidas.

Fóra do horario escolar e nas vacacións

A CiberCaixa permite albergar 20 participantes simultaneamente. Funciona fóra do horario escolar, de 15:30 a 19:00 horas, de luns a venres. En períodos vacacionais está aberta de 9:00 a 14:00 horas. Permanece pechada os días festivos e o mes de agosto. Tamén pode ser utilizada en horario escolar, de acordo co calendario elaborado polo profesorado do centro, de 9:00 a 14:00 horas.

Aqueles pais de nenos e nenas de 3 a 12 anos que teñan incompatibilidade de horarios que lles impidan estar ao coidado dos seus fillos poden preinscribirse nesta CiberCaixa. A solicitude poden recollela no propio CEIP de Roxos Villestro ou descargala desta páxina web. As solicitudes son valoradas por unha Comisión constituída ao efecto, na que participan representantes do CEIP Roxos-Villestro, da Concellería de Educación, da ANPA e do persoal monitor adscrito á CiberCaixa. Unha vez avaliadas darase a coñecer a lista de admitidos.

Esta é a primeira CiberCaixa que xorde da colaboración entre o Concello e "la Caixa", pero antes do verán abrirase outra na Ludoteca das Fontiñas. A creación das dúas supón un investimento de 180.000 euros.

Máis información na Concellería de Educación:
Tel.: 981 55 44 00
Fax: 981 57 15 11
E-mail: dptoeducacion@santiagodecompostela.gal

Compartir: