PLENO

Aprobado inicialmente o regulamento do Servizo de Atención Domiciliaria á Infancia

25/03/2010 O Pleno municipal aprobou inicialmente por unanimidade o regulamento de funcionamento do Servizo de Atención Domiciliaria e Comunitaria á Infancia. O obxectivo do cambio na norma existente ata agora é ampliar a atención domiciliaria a aquelas unidades de convivencia que presentan especiais dificultades na atención dos menores ao seu cargo.

A concelleira de Benestar Social, Mar Martín, explicou as principais liñas deste regulamento, que establece os requisitos e o funcionamento deste Servizo, tanto no que atinxe ás persoas usuarias como aos requisitos que deberá cumprir na prestación á empresa que resulte adxudicataria do servizo. Entre os obxectivos específicos desta prestación está ofrecer un servizo de atención de menores no fogar atendido por profesionais debidamente cualificados, facilitar a atención das fillas e fillos menores das mulleres que sofren violencia de xénero, contribuír a elevar o número de persoas incorporadas á formación e ao emprego, previr situacións de discriminación ou de exclusión social en familias con cargas familiares non compartidas, contribuír á implantación de políticas de igualdades ou atender as situacións conxunturais de crise persoal ou familiar que afecten á autonomía persoal ou social.

O regulamento establece tanto a modalidade de atención familiar no enderezo particular do solicitante como a atención colectiva en determinadas actividades. O Concello, a través da correspondente ordenanza municipal, fixa as taxas ou prezos públicos desta prestación.

Os beneficiarios deberá cumprir os requisitos establecidos neste regulamento e no seu baremo económico. Nestes casos, o servizo de atención familiar prestarase de luns a venres en horario de 7:30 a 22:00 horas, ao longo de todo o ano e fóra do horario escolar. Poderase ampliar o horario atendendo a casos concretos de traballo nocturno ou de fin de semana. O servizo de atención colectiva prestarase os días laborais en horario de 15:00 a 22:00 horas, e excepcionalmente domingos e festivos segundo a dispoñibilidade do servizo.

Tras ser aprobado previamente pola Xunta de Goberno e agora inicialmente polo Pleno, ábrese o prazo de alegacións ao mesmo, tras o cal será sometido novamente ao Pleno para a súa aprobación definitiva.

Medicina
Outro dos acordos do Pleno foi a retirada do grupo municipal socialista dunha moción a propósito da Facultade de Medicina, así como a desconvocatoria da sesión extraordinaria sobre o mesmo tema prevista para o luns 29. No seu lugar, convocouse para ese mesmo luns, pero ás 10:00 horas, un Pleno extraordinario para aprobar unha declaración institucional da Corporación municipal sobre esta cuestión.

IVE
Ademais, aprobouse por unanimidade unha moción, neste caso presentada polo grupo municipal popular, na que se insta á Xunta para que demande do Goberno español a tramitación, coa máxima axilidade, dunha modificación da Lei 37/1992 de 28 de decembro do IVE, dentro dos límites da lexislación comunitaria, para permitir a PEMES e autónomos non tributar polo IVE das facturas non cobradas.

Depuradora da Silvouta
Cos votos favorables dos grupos municipais popular e nacionalista, e coa abstención do socialista, saíu a diante unha proposición dos primeiros para que se inste urxentemente á Confederación Hidrográfica Miño-Sil a valorar outras ubicacións posibles da depuradora da Silvouta, sen que iso supoña un retraso na sua construción.

Igualdade, IVE e zonas educativas
Grazas aos votos favorables do grupo de Goberno, aprobouse unha moción, presentada polo grupo municipal socialista, na que se solicita que "non se suprima o organismo autónomo Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

Estímase na proposta que non deben ser as políticas de igualdade "as que teñan que sufrir os recortes orzamentarios motivados pola austeridade". Así, considérase "fundamental" este organismo, porque "seguen existindo a múltiples formas de discriminación que motivaron a súa creación".

Finalmente, aprobáronse dúas mocións máis. A primeira, presentada polo PP instaba, entre outros puntos, a que o Goberno central non puxese en marcha a suba do IVE. Este punto en concreto da proposta foi ratificado por populares e nacionalistas. A segunda moción, presentada polo BNG, e aprobada por esta formación e polo PSOE, instaba á Xunta a analizar a nova delimitación de áreas educativas e a solucionar algún problema que puidera xurdir pola mesma.

Compartir: