PLENO

Entre 2009 e 2010 realizáranse 12 obras de rexeneración urbana na Cidade Histórica

25/03/2010 A concelleira da Cidade Histórica e Rehabilitación, Olga Pedreira, compareceu a petición propia no Pleno do Concello. A edil fixo referencia ás obras e traballos de reurbanización que se están a desenvolver en diferentes ámbitos da zona vella de Compostela.

No último ano acometéronse ou están en proceso de execución obras de rexeneración urbana na Cidade Histórica de Santiago por importe de case 7 millóns de euros. Esta cifra –indicou a concelleira- supón o maior esforzo orzamentario aplicado na zona vella de Compostela en décadas, actuando principalmente en zonas periféricas do ámbito delimitado no Plan Especial. Estase actuando en barrios moi necesitados de intervención que na maioría dos casos non se tiñan beneficiado de ningunha reforma urbana desde hai 50 anos, e que polo tanto mostraban unhas necesidades en varios dos servizos básicos ás que urxía dar solución.

Todas estas obras están sendo financiadas por dúas vías: desde o Fondo de Investimento Local do ano 2009 (Praza de Marcial Villamor e rúa do Olvido, rúa de Belvís e acondicionamento da zona de San Frutuoso), o que significa que dende hai meses estean xa acabadas; e por outra parte dende o convenio acordado coa antiga Consellaría de Vivenda e Solo da Xunta de Galicia, en base ao cal estase traballando simultaneamente nas calzadas de San Pedro e Santo Antonio, nas rúas de Raxoi, Trindade, San Clemente, Espírito Santo, Cruceiro do Gaio, Campo das Hortas e Poza de Bar, cun investimento final 4.375.000 euros.

Hai que salientar que este último convenio foi asinado en febreiro de 2009 e que as obras comezaron só 10 meses despois. Segundo Olga Pedreira, isto significa que a OCHiR ten traballado con enorme eficiencia e celeridade neste breve período, posto que nese tempo tiveron que facerse a redacción dos proxectos, as memorias históricas obrigatorias na Cidade Histórica, os estudios topográficos, os anteproxectos de instalacións, os estudios arqueolóxicos previos e contratar as obras. Tendo en conta o especial coidado que merece a zona vella de Santiago, a edil cualificou de case un record conseguir facer en tan poucos meses todos eses trámites necesarios. En breve, e unha vez finalizadas as obras, Santiago poderá desenvolver os meses máis importantes do Ano Santo nun centro histórico dunha maior calidade urbana.

Variacións nos prazos iniciais das obras
A tan só un ano de terse asinado o convenio coa Xunta todas as obras están xa en marcha e bastante avanzadas a maioría. Neste momento estase formigonando xa en Raxoi e Trindade, colocando o enlousado no Cruceiro do Gaio e no Campo de Santo Antonio o pavimento está practicamente acabado. Outros casos como os da rúa do Espírito Santo están a se desenvolver ao ritmo que permiten os achados arqueolóxicos que se están a documentar. As variacións e mudanzas que se teñen producido nos prazos destas obras están sempre debidamente xustificados por incidencias que van aparecendo durante a execución dos proxectos. Fundamentalmente son dúas as razóns que provocan a ampliación dos prazos para realizar as obras: o achado de restos arqueolóxicos e a incorrecta localización de redes de recursos básicos.

Dende o punto de vista arqueolóxico/histórico, Pedreira lembrou que as obras na cidade histórica son por definición complexas, delicadas, onde é preciso ter moito coidado e meticulosidade. O proxecto de cada obra realízase sustentado nos datos arqueolóxicos e as memorias históricas existentes, aínda que cando se considera oportuno realizase unha cata previa para esclarecer dúbidas.

Na Cidade Histórica é frecuente que na fase inicial das obras, cando se comeza a mover a terra, aparezan máis achados arqueolóxico dos esperados, e inclusive ás veces cunhas características nun estado de conservación inesperado. Un exemplo disto último pode ser o anaco de muralla que apareceu na obra da rúa Raxoi, onde si que se esperaban encontrar algúns vestixios da antiga cerca de Santiago, mais non uns restos de tanta transcendencia, nun bo estado de conservación e que obrigaron a realizar unha escavación arqueolóxica que xa condicionou os prazos da obra. Outro exemplo podería ser a canalización que apareceu no Espírito Santo, onde houbo que escavar e documentar este canal histórico do que se descoñecía o seu estado de conservación á hora de redactar o proxecto. As súas dimensións e situación obrigaron a adaptar o proxecto a esa estrutura para poder salvagardala.

Finalmente, a concelleira explicou que a sgunda das razóns que obrigan á modificación dos prazos das obras é a información incorrecta da situación das redes de subministro de luz, auga, saneamento, gas ou redes de comunicacións. Os proxectos de obra realízanse sobre a información que as empresas prestadoras dos servizos achegan aos servizos municipais. A información que estas compañías teñen, e a do propio Concello, é limitada e deficitaria, pois na Cidade Histórica as canalizacións son moi antigas e de épocas en que o deseño, execución e documentación das obras era practicamente nula. Isto provoca que non sexa raro que sucedan casos como na rúa do Cruceiro do Gaio, onde ademais de terse encontrado unha canalización histórica que non se esperaba, resultou que o datos facilitados polas empresas prestadoras de servizos non se correspondían coa realidade, xa que, entre outros datos, faltaba a documentación dunha liña de media tensión que existía ao longo de toda a rúa.

Compartir: