RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

Visita dunha delegación china para preparar o III Foro de Reitores Hispano-Chino

25/03/2010 Os días 12 e 13 de abril celebrarase en Santiago o III Foro de Reitores Hispano-Chino. Para preparar este encontro, está na cidade unha delegación chinesa, que foi recibida en Raxoi polos concelleiros de Educación, Mercedes Rosón, e de Relacións Institucionais, Andrés Fariña.

A delegación china estaba formada polo subdirector do Instituto Confucio, Ma Jian Fei; o director da Oficina de Asuntos Europeos do Ministerio chino de Educación, Yang Xiao Chun; o director para o Intercambio Internacional do mesmo Ministerio, Fu Bo; e o agregado de Educación da Embaixada de China, Wang Zhiwei. Estes perfilaron co concelleiro os últimos detalles deste terceiro Foro, que dá continuidade aos celebrados en Shanghai (2007) e en Madrid (2005).

Baixo o auspicio dos ministerios de Educación e Asuntos Exteriores de España e China, este encontro pretende impulsar a cooperación entre as universidades de ambos países e reforzar os intercambios educativos en materia de ensino superior. Unha das materias das que se falará será o afianzamento da lingua e da cultura china ás universidades españolas.

Compartir: