CONSORCIO

O director e compositor Cristóbal Halffter celebra o seu 80 aniversario xunto á Real Filharmonía de Galicia

24/03/2010 O mércores 24 de marzo, Cristóbal Halffter, un dos mellores directores e compositores españois actuais, cumpre 80 anos e faino sobre o escenario do Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, onde este días prepara o concerto da temporada do xoves 25 coa Real Filharmonía de Galicia.

Este concerto quere tamén ser unha celebración polo 80 aniversario do mestre Halffter e un recoñecemento a toda unha vida dedicada á música, non só no campo da dirección, senón tamén na composición. Para a ocasión programouse un concerto especial no que actuarán como solistas seis músicos da Filharmonía. En concreto, catro violoncellistas, Carlos García Amigo, Palmira Martínez Espuig, Ailsa Lewin e Thomas Piel, acompañarán á sección de cordas da orquestra santiaguesa na Fantasía sobre unha sonoridade de Haendel, composta polo propio Halffter en 1981. Pola súa parte, o concertino James Dahlgren e o viola Tilmann Kircher interpretarán o Dobre concerto, composto polo mestre Halffter en 1984. O programa complétase coa Sinfonía núm. 88 de Haydn

Cristóbal Halffter naceu en Madrid o 24 de marzo de 1930. Realizou os seus estudos musicais no Real Conservatorio de Música de Madrid. En 1962 gañou por oposición a Cátedra de Composición e Formas Musicais dese Conservatorio e dende 1964 a 1966 foi o seu director. Por encargo das Nacións Unidas e para conmemorar o XX aniversario da Declaración dos Dereitos Humanos, escribe en 1968 a cantata Yes, speak out, yes para solistas, recitadores, coros e orquestra, que estreou na Asemblea Xeral das Nacións Unidas de Nova York.

Entre as súas producións atópanse Elexías á morte de tres poetas españois, Officium Defunctorum para coros e orquestra, encargo dos Coros e Orquestra Nacional de Francia; dous concertos para violín e orquestra; dous concertos para violoncello e orquestra, o segundo, escrito por encargo da Orquestra de Baden-Baden para Mstislav Rostropovich; Tres Poemas da lírica española para barítono e orquestra, obra escrita por encargo da Orquestra Filharmónica de Berlín; Concerto para piano e orquestra encargo de Paul Sacher e a Orquestra da Radio de Baviera de Munich; e Mural sonante, homenaxe a Antoni Tapies.

Halffter é, entre outras distincións, académico da Academia Europea das Ciencias, da Akademie Der Künste de Berlín e membro de número da Academia de Suecia. Recibiu a Medalla de Ouro do Instituto Goethe e a Medalla de Ouro ao Mérito das Belas Artes de España.

No ano 2000 estrea a súa ópera Don Quixote no Teatro Real de Madrid, representación que ten unha ampla resonancia na crítica mundial e, actualmente, está en período de preparación unha nova ópera que ten proxectada a estrea para o ano 2012.

Toda a información do concerto e as notas ao programa, escritas para a ocasión por Julián Carrillo, crítico de El País, pódese descargar das webs do Auditorio de Galicia e da Real Filharmonía .

Compartir: