ALCALDÍA

O alcalde pide en Bruxelas que no Museo de Europa haxa unha sección sobre o Camiño

23/03/2010 Na súa segunda xornada en Bruxelas, o alcalde de Santiago compartiu un almorzo de traballo co Intergrupo Parlamentario do Camiño de Santiago, que preside o popular Francisco Millán Mon.

O europarlamentario transmitiu ao alcalde ter consciencia da importancia do Camiño para Europa e de como este é a "gran metáfora dunha Europa en permanente construcción". Millán Mon explicou que dende o Parlamento Europeo, a través deste intergrupo e da Comisión de Cultura, se contribúe economicamente coa Xunta de Galicia en accións transfronteirizas. Precisamente unha delegación desta Comisión reunirase en Santiago entre o 28 e o 30 de abril. O alcalde manifestou aos integrantes do intergrupo (son máis de 40) que "hai un ideal europeo que segue vivo", e explicoulles o proxecto de Santiago-Une, falando dos diferentes camiños que atravesan Europa para chegar á capital galega.

Na idea de impulsar o Camiño de Santiago e a través deste dinamizar a "consciencia europea" entre os cidadáns da UE, o alcalde trasladou ao intergrupo e ao embaixador de España en Bélxica, Carlos Gómez-Múgica, o seu interese en que no Museo de Europa de Bélxica haxa unha sección dedicada ao Camiño de Santiago, algo que lle parece "coherente co ideario europeo, pois todos os países ven o Camiño como algo propio". O embaixador amosouse moi receptivo á idea e díxolle que o consultaría.

Na mesma xornada o alcalde departiu co alcalde de Basilica (Italia) e vicepresidente primeiro do Parlamento Europeo, Gianni Pittela, a quen convidou a participar nos actos dos días 7, 8 e 9 de maio que terán lugar en Santiago para celebrar o Día de Europa, onde se encontrarán as cidades participantes no Santiago-Une.

Ademais, como participante na sesión de apertura dos actos de conmemoración do 25 aniversario das Cidades Europeas Capital de Cultura, puido falar brevemente co presidente da Comisión, Durao Barroso, quen lle comunicou o seu desexo de estar en Santiago este 24 de xullo.

Por último, Bugallo asistiu á presentación no Instituto Cervantes de Bruxelas "Compostela 2010, Ano Xacobeo", na que participaron o catedrático de Historia Medieval da USC, Fernando López Alsina, a directora de Cursos Internacionais da USC, Lanzada Calatayud, e o concelleiro de Relacións Institucionais, Andrés Fariña.

Compartir: