COMERCIO

O Plan de Mellora para os Comercios en Activo ofreceu 23 propostas personalizadas para aumentar a rendibilidade do negocio

23/03/2010 Presentáronse os resultados da primeira fase do Plan de Mellora para os Comercios en Activo, na que se realizaron 23 estudos de tres áreas: decoración e interiorismo, xestión de stocks, e análise da oferta comercial. Este programa constitue unha ampliación dos Servizos que presta o Servizo de Apoio á Empresa (SAE).

O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou os resultados da primeira fase deste Plan, que se divide en dúas convocatorias. Á primeira fase, denominada Plans individuais de mellora: cheques de consultaría presentáronse 23 solicitudes de participación. Consistiu nun servizo personalizado e gratuíto prestado por profesionais aos comercios inscritos na convocatoria, que se abriu o 23 de novembro e se pechou o 10 de decembro. A través dos cheques de consultaría estes profesionais realizaron unha diagnose e elaboraron un informe de necesidades, que se lle vai entregar aos estabelecementos participantes.

Neste documento descríbense as melloras e as posibles solucións ou medidas a adoptar en tres áreas do ámbito comercial:
- Decoración e interiorismo: elaboráronse informes de necesidades de nove locais comerciais.
- Xestión de stocks e planificación de custes: elaboráronse informes de necesidades de sete estabelecementos.
- Análise da oferta comercial: elaboráronse informes de necesidades de sete comercios.

Estas áreas escolléronse pola súa importancia no incremento da competitividade dun comercio. Ademais da iniciativa da persoa propietaria, e dunha atención profesional, personalizada e competente, o éxito dun estabelecemento depende dunha variedade adecuada de produtos, do método de venda empregado e do deseño dos espazos de exposición e venda.

Nos informes que se entregan aos estabelecementos descríbense as áreas de mellora en cada un dos apartados nos que se inscribiron (decoración e interiorismo, xestión de stocks, ou análise da oferta comercial) e ofrécense unha serie de propostas personalizadas para mellorar os resultados de venda. Tamén se asesora aos comercios das subvencións que existen para incentivar as melloras descritas no informe de necesidades, por parte doutros organismos ou da propia Concellaría de Promoción Económica e Comercio, a través da convocatoria que se abrirá coa segunda fase do Plan de mellora para os comercios en activo.

Segunda fase
A segunda fase do Plan de Mellora para os Comercios en Activo contempla unha liña propia de axudas: o Concurso de Proxectos. O prazo de inscrición está previsto que se abra nos próximos días. Otorgaranse nove premios aos mellores proxectos presentados, dentro das categorías especificadas na primeira fase. Son:
- Decoración e interiorismo: con tres premios de 5.000, 2.500 e 1.000 euros.
- Xestión de stocks e planificación de custes: con tres premios de 5.000, 2.500 e 1.000 euros.
- Análise da oferta comercial: con tres premios de 5.000, 2.500 e 1.000 euros.

Nesta convocatoria poderán participar, igual que no resto de programas da Concellaría de Promoción Económica e Comercio, todos os comercios de Compostela, aínda que os estabelecementos avaliados contarán cunha base moi importante para presentar ao concurso: o informe de necesidades e posibles melloras elaborado durante a primeira fase do Plan integral de mellora para os comercios en activo.

O Plan integral de mellora para os comercios en activo conta cun orzamento de 50.000 euros. Enmárcase o Plan Estratéxico do Comercio Compostelán, cofinanciado pola Deputación da Coruña e que ten como obxectivo impulsar e fortalecer o comercio da cidade.

Documentos relacionados



Compartir: