TURISMO

Turismo de Santiago difunde nunha web toda a información sobre a Semana Santa

22/03/2010 A Semana Santa de Santiago ten cada ano un abano maior de actividades, tanto relixiosas como culturais, de tal xeito que estes atractivos, xunto cos propios da cidade, converten a Santiago nun destino de referencia nuns días nos que hai cidades que contan cunha longa tradición. Este ano, dada a celebración do Ano Santo, o atractivo da cidade é aínda maior. Por este motivo, dende Turismo de Santiago desenvolveuse unha páxina web específica, destinada ao público español, que é o que máis participa nestas celebracións.

www.semanasantasantiago.com recolle o amplo programa de procesións e actos relixiosos que terán lugar na cidade. Entre o 26 de marzo e o 11 de abril haberá 16 procesións. Na web específica de Turismo de Santiago poden consultarse tanto os seus horarios, os puntos de partida e uns breves apuntes históricos de cada unha delas. Tamén recolle o catálogo de actos relixiosos e litúrxicos, cos seus correspondentes horarios, lugares de celebración e significados. A web tamén inclúe unha descrición das trece confrarías que hai en Santiago. Este material pode descargarse en PDF.

Os interesados tamén poden consultar o programa completo da V Edición do Festival de Músicas Contemplativas, organizado polo Consorcio de Santiago, que entre o 29 de marzo e o 3 de abril volverá encher as igrexas monumentais compostelás cos acordes da música sacra de distintos cantos do mundo. Sete templos converteranse en privilexiados escenarios para este percorrido polos sons da espiritualidade. Os quince concertos gratuítos conforman un programa que integra as músicas europeas e extraeuropeas.

Ademais, Turismo de Santiago ofrece un calendario especial de actividades, que reforzan o programa habitual da empresa municipal de promoción turística, entre as que destacan as visitas guiadas ás principais igrexas e as visitas guiadas aos conventos de clausura da cidade. No programa inclúense visitas guiadas como o tour gastronómico, o tour nocturno e a visita guiada en inglés, ás que hai que engadir as visitas guiadas en español e as visitas guiadas ao patrimonio universitario. O tren turístico e as audioguías en mp3 completan o abano de posibilidades para descubrir a cidade, así como as excursións organizadas dun día a Fisterra-Costa da Morte e a Rías Baixas permiten descubrir destinos galegos próximos á cidade.

Direccións relacionadas



Compartir: