MEDIO AMBIENTE

A Concellería de Medio Ambiente presenta o despregable "Fontes con historia"

22/03/2010 A concelleira de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel, Elvira Cienfuegos, presentou o despregable Fontes con historia, aproveitando a celebración do Día Mundial da Auga. Na presentación, na fonte de San Clemente (enfronte da entrada do IES Rosalía de Castro) a concelleira estivo acompañada da responsable de Aquagest na cidade, Paula Piñeiro, e de Mercedes Vázquez, do colectivo DeHistoria, que foi quen elaborou o material. Este ano o Día Mundial da Auga está dedicado á calidade da auga necesaria para manter ecosistemas sans e para o benestar humano.

Elvira Cienfuegos explicou que a dispoñibilidade e a accesibilidade á auga condiciona a vida da xente e mesmo determina o crecemento das cidades. "Santiago, que non só tiña que ter auga para os habitantes senón tamén para os visitantes, contou dende tempos de Xelmírez cunha traída de auga que achegaba ata o contorno da catedral a auga procedente da fonte Blanca ou dos montes de Vite", comentou, engadindo que precisamente disto trataba o primeiro folleto sobre a auga na historia da cidade que se editou en 2009.

A publicación trata esta vez das fontes que hoxe, en palabras da edil, "xa non cumpren o seu papel de principais fornecedoras de auga, pero que si son testemuños da necesidade de ter preto auga de calidade". Hoxe as fontes conservan o seu valor artístico, etnográfico ou histórico e son testemuño doutras formas de vida, aínda recentes. As fontes serven para interpretar a cidade e para poñer de relevo o valor da auga, que só sabemos recoñecer cando xorde algún problema coa que sae pola billa nas nosas casas. A xestora desta auga, que tamén se ocupa do control da auga das fontes, é Aquagest, á que a concelleira agradeceu que un ano máis colaborase coa Concellería de Medio Ambiente para a edición do folleto. Ademais, a concelleira felicitou a Mercedes Vázquez, autora e coordinadora da edición, por "achegarnos dunha maneira atractiva e ao tempo rigorosa, o papel que xogaron as fontes na cidade. É unha maneira de interpretar a cidade en función da auga, de partir da realidade actual para saber como chegamos a ela".

Pola súa banda, Paula Piñeiro, de Aquagest, considerou moi interesante achegarnos ás fontes que eran os primeiros obxectos de demanda de auga: ao igual que agora se demanda a conexión da rede de abastecemento, antes o que se pedía era a colocación de fontes preto dos novos barrios. Lembrou que na actualidade a rede de subministro de auga na cidade é duns 300 quilómetros e que se dá servizo a uns 50.000 vivendas.

Mercedes Vázquez, autora do despregable, destacou o elemento fundamental que eran as fontes na vida das persoas. Precisamos a auga para beber, para cociñar, para regar, para lavarnos, para lavar,… Precisamente, este despregable quere poñer iso en valor e pretende que coñezamos a cidade desde outro punto de vista. "Facer das fontes unha escusa para coñecer como vivía a xente daquela e facer un percorrido polo patrimonio histórico da cidade a través delas", en palabras de Mercedes. Fontes viaxeiras, fontes con lavadoiro incluído, fontes moi descoñecidas e incluso fontes que se nutren dunha mina propia e non están enganchadas á traída. De todas elas se fala neste material que se repartirá nos centros educativos, centros socioculturais e outras dependencias municipais ou oficinas de Aquagest, ademais de repartirse nos domicilios situados arredor das fontes que se citan.

Documentos relacionados



Compartir: