BENESTAR SOCIAL

A Unidade de Atención ás Migracións imparte un obradoiro para facilitar a integración dos inmigrantes na cidade

22/03/2010 A Unidade de Atención ás Migracións (UAMI), dependente da Concellería de Benestar Social, pon en marcha un Obradoiro de Recursos para Inmigrantes. Desenvolverase no Centro Sociocultural de Conxo dende mañá martes, 23 de marzo, ata o venres 26.

Este obradoiro encádrase dentro das medidas de acollida inicial que desenvolve a UAMI, coa finalidade de facilitar dende os primeiros momentos a integración daqueles inmigrantes que escollen a nosa cidade para residir. Preténdese así achegalos a aqueles recursos e actividades cos que conta o Concello e que lle poden resultar especialmente interesantes para unha mellor adaptación á súa nova cidade.

Neste taller abordaranse diversos eixes temático: a propia UAMI (programas e actividades), a sanidade (sistema sanitario de Galicia, tarxeta sanitaria e Centro de Orientación Familiar; o emprego (busca de emprego, curriculum vitae e cartas de presentación, entrevistas de traballo), a vivenda (contratos de aluguer, empadroamento, axudas de vivenda, recursos sociais), a educación (sistema educativo, actuacións educativas, educación de persoas adultas, validacións e homologacións) e o lecer e tempo libre (actividades, accesos a internet gratuítos, bibliotecas).

Ademais, ao remate das sesións grupais, os/as participantes poderán contar con sesións individualizadas de acompañamento, para facilitar o seu achegamento aos devanditos recursos.

Os/as asistentes con menores a cargo disporán dun servizo de ludoteca gratuíto no mesmo centro sociocultural.

Compartir: