TURISMO

Dez mil persoas visitan a exposición "Ao pé do lar" no Museo do Pobo Galego

18/03/2010 A exposición Ao pé do lar, Memorias da Cociña, promovida por Turismo de Santiago co patrocinio de Galicia Calidade e a colaboración especial da Fundación Caixa Galicia, inaugurouse o pasado cinco de febreiro no Museo do Pobo Galego. Dende entón, 10.000 persoas teñen visitado a exposición.

O 42% dos visitantes foron galegos, o 45% do resto de España e o 13% restante procedentes de outros países. O día de maior afluencia foi o venres 26 de febreiro, dous días despois do remate do Fórum Gastronómico, con 601 visitantes.

A exposición pode visitarse ata o domingo 21 de marzo. En principio, estaba programado que estivese aberta ao público ata o 7 de marzo, pero decidiuse ampliar o prazo en dúas semanas, dado o interese que está xerando. A exposición pode visitarse no Museo do Pobo Galego, que o venres 19, dada a festividade, estará aberto de 11:00 a 14:00 horas. A fin de semana o museo terá as súas horas habituais de apertura. O sábado estará aberto de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. O domingo o horario é de 11:00 a 14:00 horas.

Ao pé do lar, Memorias da cociña, organizada dentro das actividades do Fórum Gastronómico Santiago 2010, As Cociñas do Atlántico, ten por obxecto render unha merecida homenaxe a dous mil anos de historia da gastronomía galega, a través de imaxes, sons, cheiros e sabores, que permiten descubrir o pasado e a evolución da gastronomía de Galicia. A exposición tiña un programa diverso que incluía actividades paralelas á propia exposición, como a de visitas organizadas para colexios, co asesoramento da Fundación Dieta Atlántica da USC. Foron quince colexios os que participaron nesta actividade, cun total de 750 rapaces e rapazas que visitaron a exposición

A exposición contou tamén cunha serie de espectáculos nocturnos, "As Noites Contadas". Paula Carballeira, Quico Cadaval, Avelino González e Candido Pazó, foron os encargados de recrear o ambiente e as temáticas das historias contadas ao redor do lume, nunha lareira recreada especificamente para a exposición no propio Museo do Pobo Galego. Todas esta actividades completaron o seu aforo, con 165 asistentes.

Compartir: