CENTROS SOCIOCULTURAIS

Alberte Momán gaña o Certame de Poesía "Aurelio Aguirre" e Diego Giráldez o de Relato Curto "José Saramago"

18/03/2010 A VII edición do Certame de Poesía Aurelio Aguirre e a IX do Certame de Relato Curto "José Saramago" xa teñen gañadores. Son Alberte Momán Noval e Diego Giráldez García, respectivamente. O xurado destes certames, que organiza a concellaría de Cultura e Centros Socioculturais, reuniuse a finais de febreiro para comezar a analizar todos os textos recibidos. A entrega de premios farase, como nas outras edicións, nun acto cos gañadores que se celebrará nos vindeiros días.

O xurado do Certame de Poesía estivo composto por Socorro García Conde, concelleira delegada de Centros Socioculturais; Patricia Núñez Sánchez, secretaria, coordinadora de clubs de lectura dos Centros; Rosa Enríquez Noya, poeta; e Xulio Noia Liste, técnico municipal de Centros Socioculturais. O do Certame de Relato Curto, polas dúas primeiras; Estíbaliz Espinosa Río, gañadora do Certame de Relato Curto do 2008; Xulio Noia Liste; e Francisco Cillero Montes, bibliotecario dos Centros Socioculturais.

Alberte Momán Noval gañou o VII Certame de Poesía "Aurelio Aguirre" con Sermos un. O xurado valorou positivamente a construción do poemario, a perfecta cohesión entre o poético e o real permitindo transmitir unha confesión irreverente a través do verso libre que flúe na conciencia social. "Poesía natural e sincera, breve e sinxela. Unha confesión poética, un camiño que pasa pola deconstrución e a renuncia de nós propios, nunha viaxe que torna coa resolución firme de non esquecer, a memoria inmorrente, e de estar na historia que é de todo un pobo. Só a través do amor -que sabemos e faremos posible- percorreremos o camiño da paz que queremos que é semente de vencer para o noso futuro".

Diego Giráldez é o gañador do IX Certame de Relato Curto "José Saramago" con Un cometa para unha despedida. Destacouse desta obra por parte do xurado a solidez da linguaxe; unha tensión ben dosificada durante todo o relato, a intriga e o misterio que envolve o argumento até o derradeiro parágrafo, e a descrición precisa das personaxes. "Un cometa para unha despedida aparece ante nós como un relato de sutil ciencia-ficción salferida con certas doses de enigma científico, pero en realidade trátase do relato dunha disidencia: a do individuo fronte aos imperativos da historia, a ciencia ou a relixión. Co pretexto cósmico dun cometa, Mateo Valverde viola as leis do tempo e revélase como un consumado escapista ante os ollos do lector. Un conto narrado con mestría nos efectos especiais que mantén gratamente o suspense".

Compartir: