CULTURA

O ciclo SCQ Danza trae á Compañía Nacional de Danza de novo a Galicia

18/03/2010 Ofrecer unha programación estable de danza contemporánea. Ese é o obxectivo de SCQ Danza, o ciclo organizado pola Concellería de Cultura e Centros Socioculturais que dende abril de 2007 trae a Compostela algunhas das propostas galegas e españolas máis interesantes neste eido. Esta edición o ciclo inclúe seis actuacións, entre elas a da Compañía Nacional de Danza que dirixe Nacho Duato.

A concelleira de Cultura, Socorro García Conde, cualificou o ciclo SCQ Danza de "aposta valente e arriscada por unha disciplina emerxente" como a danza. "Estamos a facer o esforzo de crear o hábito de asistir a espectáculos de danza. En Santiago existe certa afección, con escolas privadas e iniciativas públicas de formación, pero faltaba unha oferta estable de espectáculos de danza profesional. Iso é o que cobren ciclos como SCQ Danza e Entredanzas, que seguen o camiño aberto por En Pé de Pedra".

A programación de 2010 do ciclo consta de seis espectáculos. Todos se presentan ás 21:00 horas no Teatro Principal, agás o da Compañía Nacional de Danza, que polas dimensións da montaxe se poderá ver no Auditorio de Galicia. O ciclo abriuno en febreiro Dloira, a compañía do coreógrafo e bailarín galego David Loira, que presentou Macho.

O venres 19 de marzo poderá verse o segundo espectáculo do ciclo: El llac de les mosques, da compañía Sol Picó. Paulo Rodríguez destacou da coreógrafa e bailarina alacantina que é "unha aposta incuestionable, cunha traxectoria avalada por numerosos premios". Sinalou que conta cunha "linguaxe de seu" e salientou o sentido do humor e o atractivo estético dos seus espectáculos. El llac de les mosques conta con música en directo, cunha formación con voz, batería, guitarra e saxofón.

A terceira cita do ciclo é o 26 de abril, coincidindo co Día Internacional da Danza. A compañía galega Bstudio Danza, dirixida por Dolores Mayán, presenta Sono silente, unha peza con dirección, escenografía e coreografía da propia Mayán. Trátase dunha obra de danza-teatro de mediano formato e para todos os públicos, inspirada no cine mudo dos anos 20 e 30. Coa ausencia da palabra e a forza da imaxe, o valor da mirada e a linguaxe corporal e xestual como ferramentas, a obra analiza a imaxe estereotipada da muller no discurso cinematográfico da época.

SCQ Danza continúa o 4 de xuño co coruñés Javier Martín, que presenta ...tabú resorte... "Javier Martín é un coreógrafo que traballa moito coa concepción espacial", destacou Paulo Rodríguez. O seu espectáculo trata de bailar a través de tabús sociais e individuais relacionados coa sensualidade, a morte ou os cambios, a imposibilidade de amar e a imposibilidade de desexar.

Case unha década sen actuar en Galicia
O 2 e o 3 de outubro son as datas nas que a Compañía Nacional de Danza estará no Auditorio de Galicia, despois de case unha década sen actuar en Galicia. Dende 1990 está baixo a dirección artística de Nacho Duato, un dos coreógrafos e bailaríns máis reputados do mundo, que lle deu unha identidade propia á compañía, ademais de achegar o seu traballo como coreógrafo, louvado pola crítica internacional.

Sobre o escenario a CND presentará tres traballos de épocas diferentes, con coreografía de Nacho Duato: Remansos, Kol Nidre e Arenal. A primeira é unha peza construída a partir dos Valses poéticos de Enrique Granados e inspirada no mundo de Lorca, que o American Ballet Theater estreou no City Center de Nova York en novembro de 1997 e a Compañía Nacional de Danza no Teatro de Madrid en xuño do 98.

Kol Nidre, nome da declaración recitada na sinagoga previa ao comezo do servizo vespertino do Yom Kipur é unha reflexión sobre a situación dos máis novos e os conflitos bélicos, os chamados "nenos da guerra". Con música de John Tavener, Arvo Pärt e John Zorn, foi estreada pola Compañía Nacional de Danza 2 en xaneiro de 2009, e en outubro dese ano pasou ao repertorio da CND.

Arenal é a máis antiga das pezas. Trátase dunha coreografía inspirada en cancións de María del Mar Bonet, un ballet co que Duato pretende amosar a desinhibida alegría do carácter mediterráneo, en contraposición á cotiá loita da vida. Foi estreado polo Nederlands Dans Theater no Muziektheater de Amsterdam en xaneiro de 1988, e reestreado pola CND no Teatro Roma de Murcia en outubro de 1990.

O 14 de outubro péchase SCQ Danza 2010 con Projects in Movement, a compañía que dirixe o israelí radicado en Madrid Sharon Fridman. É un dos coreógrafos máis interesantes do momento, e presenta dous espectáculos: Shakuff e Carlos & Me.

Venda de entradas
As entradas poden adquirirse no despacho de billetes electrónico de Caixa Galicia e no teléfono 902 43 44 43, e o día do espectáculo nos despachos de billetes do Teatro Principal e do Auditorio de Galicia, de 12:30 a 14:00 e de 18:00 a 21:00 horas. As funcións no Teatro Principal teñen un prezo de 7 euros en patio de butacas, platea e primeiro andar, 5 euros no segundo andar e 3 euros no anfiteatro. Para as funcións no Auditorio de Galicia, o prezo é de 7 euros, con desconto do 50% para xubilados e menores de 25 anos.

Documentos relacionados



Compartir: