ALCALDÍA

O proxecto de duplicación da AP-9 prevé un paso elevado no Castiñeiriño e a conexión coa autovía de Lavacolla

18/03/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, indicou que o proxecto de duplicación da autopista AP-9 ao seu paso por Santiago contempla, como aspectos máis significativos a construción de amplas rotondas e un paso elevado en Castiñeiriño e a conexión doa autovía de Lavacolla. Ademais, nalgúns tramos da estrada haberá ata 10 carrís.

Sánchez Bugallo explicou que o proxecto técnico da duplicación da AP-9 xa está redactado. Así, unicamente está pendente de que sexa aprobado polo Ministerio de Fomento, que foi quen o encargou, e de que este Departamento comunique se a obra se financiará con cargo aos seus fondos, como estaba inicialmente previsto, ou pola propia concesionaria, con cargo ás tarifas. Expresou a súa confianza en que "no prazo dun mes poidamos coñecer a decisión sobre ese tema".

Sobre o proxecto en si, o alcalde indicou que contempla tres carrís para o tramo entre a Rocha e a estrada de Ourense, e catro carrís entre esta e San Lázaro. Aumentaranse as conexións, unha das cales servirá para enlazar coa autovía de Lavacolla. Destacou especialmente a intervención de maior complexidade", que será a que se realizará no ámbito do Castiñeiriño, con rotondas e paso elevado incluídos.

Sobre este tema poderá falar co ministro de Fomento, José Blanco, quen presentará o almorzo informativo do que será protagonista o alcalde en Madrid o xoves 25 de marzo. Ante medios informativos e representantes de diversas empresas, Sánchez Bugallo falará do proxecto de cidade e do Ano Santo. Máis de 120 persoas xa teñen confirmada a asistencia.

Debate sobre Medicina
Tras agradecer a concesión pola Universidade de Santiago da súa Medalla de Ouro ao Consorcio, indicou que o acordo na docencia de Medicina será tema de debate no Pleno ordinario do xoves 35, ao igual que doutro extraordinario o luns 29, este ultimo solicitado polo Partido Popular. Este mesmo tema tratarase a petición do reitor da USC, Senén Barro, na reunión do Consello Económico e Social da tarde deste xoves 18. É unha xuntanza informativa e non está prevista a adopción de ningún acordo

Viaxe a Bruxelas
Por outra parte, o alcalde e unha delegación compostelá estará en Bruxelas o luns 22 e o martes 23. A capital belga será o segundo destino previsto no Plan de Difusión de Compostela 2010, deseñado no marco do programa Santiago Une. Alí desenvolveranse diversos actos de promoción. Ademais, Compostela acude a Bruxelas respondendo ao convite con motivo do 25 aniversario da declaración das cidades europeas.

Compartir: