EDUCACIÓN

O Centro de Interpretación do Medio Rural ofrece un programa de obradoiros e actividades durante a Semana Santa

18/03/2010 Dentro da súa oferta formativa e de lecer, a Concellería de Educación organiza unha nova proposta no Centro de Interpretación do Medio Rural da Portela para a Semana Santa, do 29 de marzo ao 3 de abril. Este programa de conciliación familiar comprende diversos obradoiros e actividades didácticas. O prazo de inscrición estará aberto ata o 24 de marzo.

A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, presentou este programa, no que os pais contarán con tres modalidades de inscrición para os seus fillos de entre 7 e 14 anos. A opción A, cun custo de 12 euros por neno abrangue unha sesión de 9:00 a 14:00 horas, mentres a opción B, de 25 euros, prolonga as actividades ata as 19:00 horas. Para os que queiran participar nos obradoiros todos os días, isto é, 29, 30 e 31 de marzo e 1, 2 e 3 de abril, o prezo será de 45 euros.

Un grupo de profesionais do tempo libre impartirán estes obradoiros, que xirarán arredor da fotografía, do patrimonio rural ou das novas tecnoloxías. Nos primeiros, os participantes aprenderan a planificar a composición dunha fotografía e familiarizaranse con termos coma o centro de interese, o ángulo de toma, a forma e volume, o ton, o contraste ou a textura. Nos obradoiros do patrimonio rural haberá actividades como a visita ao muíño da Portela (Figueiras) ou traballos co vimbio para conseguir un cesto de madeira tradicional. Xa no eido das novas tecnoloxías, oportunidade para manexar diferentes programas informáticos ou crear o propio álbum dixital.

As solicitudes para participar neste programa deben presentarse antes do 24 de marzo no Rexistro Xeral do Concello (rúa Presidente Salvador Allende, 4 baixo) ou nos rexistros auxiliares. Unha vez confirmada a obtención de praza, formalizarase o pagamento. Máis información nos teléfonos 981 554 400/01 e 696 719 794 ou no correo electrónico dptoeducacion@santiagodecompostela.gal.

Compartir: