CONSORCIO

O Consorcio recupera a carraca da Catedral

18/03/2010 O Consorcio de Santiago, coa colaboración financeira da S.A. de Xestión do Xacobeo, construíu unha réplica da carraca da Catedral de Santiago de Compostela e restaurará a orixinal para a súa musealización. Para estes traballos investiu un total de 25.000 euros.

A carraca atopábase na torre norte da fachada do Obradoiro, que precisamente se coñece co nome de Torre da Carraca, en contraposición da súa xemelga Torre das Campás. O vello instrumento leva máis de 40 anos en desuso e presenta un estado de conservación moi deficiente, polo que se decidiu desmontala, levala a un taller para restaurala e construír unha réplica para colocar de novo na torre.

A vella carraca, realizada en madeira de castiñeiro, está composta por catro caixas de resonancia rectangulares, colocadas en cruz. Cada unha das caixas presenta unha lingüeta que, ao rotar sobre un eixe con forma de roda dentada, as golpea e fai soar ao unísono. Os brazos da cruz miden algo máis de dous metros e medio. O instrumento completábase cun manubrio, hoxe desaparecido, que permitía manipulala e facela soar. Toda a carraca encaixa na cara interior dunha das paredes da torre onde queda ancorada en forma de "cruz de San Andrés".

A réplica, construída tamén en madeira de castiñeiro, respecta todas as características da primitiva e foi realizada a partir dun proxecto elaborado polo equipo da Oficina Técnica-Taller de Proxectos do Consorcio de Santiago. Esta réplica da carraca soará durante as funcións propias de Semana Santa, en concreto o Venres Santo ás 12:00 e ás 18:00 horas e o Sábado Santo ás 12:00, ás 18:00 e ás 22:00 horas.

O sonido da carraca puído ser escoitado dende a mesma torre tras a rolda de prensa para presentar estes traballos, na que participou o alcalde compostelán e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo; o xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva; o xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos; e o deán e presidente do Cabildo da Catedral, José María Díaz.

Tradición na Semana Santa
As carracas, actualmente moi en desuso na liturxia, son instrumentos musicais de percusión que se facían soar nas celebracións de Semana Santa como símbolo de duelo pola morte de Cristo e que substitúen o son das campás. A campá representa a voz de Cristo, polo que a carraca empregábase no seu lugar nos días no que Cristo permanecía morto e polo tanto apagábase a súa voz.

Ademais da construción da réplica, procederase á restauración da antiga carraca, o que permitirá a súa musealización nun espazo aínda por concretar. Trátase, polo tanto, non só dunha restauración material, senón tamén da recuperación dun documento histórico da cidade.

En paralelo, publicáronse uns folletos que explican o proceso de restauración, construción de réplica e historia da carraca da Catedral, e informan dos horarios nos que a carraca emitirá o seu son.

Compartir: