EDUCACIÓN

A mostra "Con A de astrónomas" amosa as achegas das mulleres a este campo da ciencia

26/03/2010 Mostrarlle ao público as considerables achegas das mulleres á ciencia da Astronomía ao longo da historia. Este é o principal obxecto da mostra Con A de astrónomas. Unha visión do Cosmos na fin do camiño das estrelas, que permanecerá no Colexio de Fonseca ata o 29 de abril.

A Concellería de Educación colabora nesta exposición, promovendo a participación do alumnado da cidade. Alí os escolares poderán mergullarse na ciencia da Astronomía, no denso e misterioso río de estrelas que cobren o ceo, recrearse cos obxectos que poboan o Cosmos como protagonistas... ao igual que os miles de mulleres que investigaron sobre eles e que homenaxea a exposición. Desde Aglaonike, que predicía eclipses de Lúa na Grecia clásica, pasando por Caroline Herschel, que no XVIII descubriu cometas e estudou as estrelas binarias, ata as investigadoras que na actualidade son punta de lanza na vangarda desta ciencia.

Xa teñen confirmada a súa presenza 753 escolares de diferentes centros de Galicia: IES de Sar, IES Eduardo Pondal, IES Antón Fraguas, CPR Galaxia, C. Los Sauces, IES Nº1 de Ribeira, IES Camilo José Cela, IES Virxes do Mar, C. Junior´s, C. La Salle, C. San Paio, CPI Fonte Díaz, IES Camilo Jose Cela, IES de Meaño.

Paneis e módulos interactivos
A exposición, un dos legados do grupo de traballo Ella es una astrónoma do Ano Internacional da Astronomía 2009 continua así a súa itinerancia na súa versión museística tras estar durante tres meses na Casa da Ciencia de Sevilla.

Son en total trece grandes paneis –que estarán dispoñibles en formato dixital- e seis módulos interactivos, estes últimos con curioso contido grazas á cesión temporal da produtora Mod Producciones que permitirá que os visitantes contemplen o material orixinal da película ‘Ágora’, de Alejandro Amenábar, como estatuas, traxes, atrezzo e, especialmente, reproducións de instrumentos astronómicos.

A mostra permanecerá en Fonseca ata o 29 de abril en horario de martes a sábado de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas e os domingos e festivos pola mañá. Os grupos que desexen concertar visitas guiadas poden facelo a través do Departamento de Educación: 981 55 44 00/01 ou dptoeducacion@santiagodecompostela.gal.

A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, participarán no acto inaugural desta mostra, ao que tamén asistirán a vicerreitora de Cultura, Elvira Fidalgo; a secretaria xeral de Igualdade, Marta González; o director xerente do Xacobeo, Ignacio Santos; e a comisaria da mostra, a profesora da USC Josefina Ling.

Direccións relacionadas



Compartir: