CONSORCIO

Un libro editado polo Consorcio recolle por primeira vez os fondos musicais do Seminario

17/03/2010 Por primeira vez unha publicación fai inventario de todos os fondos documentais musicais que contén a actual Biblioteca de Estudos Teolóxicos de Galicia, situada no Seminario de San Martiño Pinario. Tratase de La música en el Seminario de Santiago, de Francisco Javier Fernández Places, obra editada polo Consorcio e que foi presentada polo alcalde e presidente do organismo, Xosé A. Sánchez Bugallo.

La música en el Seminario de Santiago é un inventario complexo de todas as partituras conservadas dende mediados do século XIX e nos que se inclúen nomes coñecidos da historia da música en Galicia como Juan Montes, Pascual Veiga, José Castro Chané, José Pacheco ou Ricardo Courtier. A eles súmanse outros autores como Tomás L. De la Victoria, Francisco Guerrero, Almandoz, De Benito, Sagastizábal, Perosi, Eslava, Ravanelo ou Urteaga. É, polo tanto, un traballo moi importante e que supón un novo paso na elaboración da historia da música galega.

O libro tamén inclúe capítulos nos que o autor repasa as diferentes etapas vividas polo Seminario de Santiago dende a súa creación en 1829 e outros dedicados á lexislación, veladas musicais e organización de actos.

Complétase ao inicio con dous prólogos, un a cargo do director da Biblioteca de Estudos Teolóxicos de Galicia, José Leonardo Lemos Montanet, e outro escrito polo catedrático de Historia da Música da Universidade de Santiago, Carlos Villanueva.

O autor, Francisco Javier Fernández Places, é profesor de violín no Conservatorio Manuel Quiroga de Pontevedra. Iniciou os seus estudos en 1986 con Martín Millán. Formou parte da Xoven Orquestra de Galicia e doctorouse na Universidade de Santiago, baixo a dirección de Carlos Villanueva. Fundou o cuarteto Campo de Estrellas, co que realiza unha labor pedagóxica e divulgativa da música clásica e galega.

Compartir: