CULTURA

Cineuropa acolle a preestrea absoluta para España da última película de Roman Polanski

22/11/2005 Ao programa tamén se incorpora o documental Vinicius, que se proxectará o venres 25 e sábado 26, e que narra a vida de Vinicius de Moraes.

O festival Cineuropa acollerá este xoves, 24 de novembro, ás 21:15 horas a preestrea absoluta para España de Oliver Twist, a última película de Roman Polanski quen leva ao cine a novela de Charles Dickens. Logo da estrea en Praga e Roma, Cineuropa adiántase deste xeito á comercialización deste film cun único pase en versión orixinal subtitulada. Outra das novidades para esta semana é o pase do documental brasileiro Vinicius, dirixido por Miguel Faria Jr, e no que se narra a vida do principal compositor brasileiro do século pasado.

Polanski, de 72 anos, afirma que Oliver Twist é unha cinta que fuxe da acción trepidante do cine actual e coa que quere facer pensar aos nenos. "É unha película para mozos de 9 a 99 anos". Para Polanski a vida de Oliver Twist é moi actual porque hoxe en día moitos nenos viven situacións similares ás que pasaban nas rúas de Londres hai dous séculos. Di que nesta obra de Dickens atopou moitas das cousas que viviu cando era mozo. Fillo de familia xudía, Polanski foi pechado en 1937 no gueto de Varsovia do que conseguiu escapar. Polanski recreou a vida dentro do gueto en El Pianista, película pola que gañou un Óscar da academia estadounidense.

Polanski asegura que a súa película é moi fiel ao libro, coas atmosferas de sabor barroco do Londres do S XIX, a ironía propia do escritor e a inocencia a toda proba do pequeno orfo. "Este é un conto de Dickens no sentido máis real, o que significa que e exuberante, intrigante e intemporal, cheo de incidentes, o que o fai constantemente sorprendente". "O noso traballo de adaptación consistiu principalmente en manter o espírito do libro cunhas escenas e uns personaxes intactos pero, ao mesmo tempo, en reducir a construción cara algo máis estruturado que se puidese alongar como máximo dúas horas".

Compartir: