PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Unha exposición recupera a "memoria gozosa" das Misións Pedagóxicas

17/03/2010 O xoves 18, ás 20:00 horas, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurará na Casa das Asociacións a exposición As Misións Pedagóxicas 1931-1936. O acto servirá tamén para que os veciños de Compostela lle rendan unha homenaxe a Isaac Díaz Pardo.

A concelleira de Participación Cidadá, Guadalupe Rodríguez, presentou en rolda de prensa esta exposición, que estará na Casa das Asociacións (rúa Manuel Beiras, 3) ata o 30 de abril. No acto inaugural, ademais do alcalde, participará o comisario da mostra, Eugenio Otero Urtaza, quen pronunciará unha conferencia. A exposición é un proxecto da Fundación Francisco Giner de los Ríos e está producida pola Residencia de Estudiantes. Nela colaboraron a Concellería de Participación Cidadá e o Museo Pedagóxico de Galicia.

A historia da Misión Pedagóxica de Galicia arrinca o 11 de agosto de 1933, baixo a dirección de Rafael Dieste. Comezaba unha viaxe que duraría seis meses e que percorrería as catro provincias galegas. Foi a actividade de maior duración de todas as que realizou o Padroado das Misións Pedagóxicas, que fora creado polo Goberno republicano o 29 de maio de 1931, co obxectivo de levar aos lugares máis afastados uns bens culturais que lles pertencían por dereito a todos os españois e non só aos que vivían nas cidades.

Esta exposición divídese en varios epígrafes que percorren dende os antecedentes desta experiencia ata os servizos que ofrecían as Misións Pedagóxicas: o Servizo de Bibliotecas, o Museo do Pobo, o Cine, o Coro e Teatro do Pobo, o Servizo de Música ou o Retablo de Fantoches, que naceu en terras galegas. Os habitantes das aldeas e das vilas ás que chegaron as Misións, así coma os intelectuais, pintores, escritores ou mestres que colaboraron nesta iniciativas, son os protagonistas da mostra.

A exposición tamén quere reflexionar sobre o que supuxeron as Misións Pedagóxicas para aquela mocidade de entón e o corte que produciu nas súas biografías o estalido da Guerra Civil. Por iso, tamén están programadas paralelamente mesas redondas, abertas ao público, coa participación de destacados representantes de ámbitos pedagóxicos, da historia da arte e da creación cultural, así como visitas guiadas para estudantes universitarios e de secundaria.

Destacou Eugenio Otero na rolda de prensa que esta exposición recupera "a memoria gozosa" do que foi "o buque insignia da política cultural da Segunda República". As Misións Pedagóxicas, recordou, permitiron levar 600.000 libros ás aldeas e habilitar 5.522 anos nun período de cinco anos, no que foi "a maior campaña de animación á lectura feita nunca en España".

No marco da apertura desta mostra realizarase un acto de homenaxe veciñal a Isaac Díaz Pardo, ilustre compostelán amplamente coñecido e apreciado por todos e que ten recibido ao longo da súa vida numerosas distincións e recoñecementos institucionais nacionais e internacionais. Así se acordara no Consello de Relacións Veciñais do pasado 23 de febreiro a proposta dos representantes das asociacións veciñais. En nome destes falou tamén na rolda de prensa José Martínez. Dáse a circunstancia de que o propio Díaz Pardo achegou fondos a esta exposición sobre as Misións Pedagóxicas.

A Concellería de Participación Cidadá convidou a todas as asociacións veciñais e os cidadáns interesados a participar neste recoñecemento a Díaz Pardo, que terá continuidade máis tarde, ás 21:00 horas, cunha cena homenaxe no Restaurante A Costela de Román (San Pedro de Mezonzo, 26, baixo). Uns 100 veciños confirmaron xa a súa participación.

Compartir: