ALCALDÍA

O alcalde compostelán destaca a disposición do Concello de 38 millóns de euros para investimentos en 2010

17/03/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, foi protagonista dun almorzo informativo no Hostal dos Reis Católicos no marco do Fórum Europa. Tribuna Galicia. No acto, presentado polo ex alcalde Xerardo Estevez, repasou diversos temas da actualidade de Santiago e Galicia.

Sánchez Bugallo destacou na súa intervención a disposición para este ano 2010 de 38 millóns de euros para investimentos. Deste total, 14 millóns xa están destinados a obras contratadas, e os outros 24 están dispoñibles aínda para investir. Boa culpa desta dispoñibilidade, dixo, tena o plan de axuste económico posto en marcha.

Tamén a propósito de obras, o alcalde indicou que a maior parte das obras máis relevantes da cidade estarán rematadas para a visita do Papa Benedicto XVI. Nas que non estean rematadas, dixo, adoptaranse medidas para que non resulten molestas. Neste sentido, reiterou que o Concello colaborará en todo o posible para o éxito desta visita, cuxo calendario de actos aínda debe decidir o Vaticano.

Entre outros asuntos de actualidade, expresou a súa seguridade en que tanto o presidente do Goberno coma as Súas Maxestades os Reis de España visitarán Santiago o día 24 de xullo, para asistir á reunión do Real Padroado, e tamén para participar ao día seguinte nos actos con motivo do Día do Apóstolo.

O rexedor compostelán tamén se referiu a outros asuntos como o Pórtico da Gloria, o turismo, o Xacobeo ou a Lei de Caixas.

Compartir: