RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

Dezaseis procesións, liturxia e un intenso programa musical na Semana Santa

15/03/2010 A Semana Santa volve a ser un punto de atracción para turistas e veciños, cun amplo programa de procesións e actos litúrxicos. Ademais, ven acompañada dunha nova edición dun evento musical xa consolidado e prestixiado como o Festival de Músicas Contemplativas.

O concelleiro de Relacións Institucionais, Andrés Fariña; o presidente da Xunta de Confrarías de Semana Santa, José Manuel Lorenzo; e o consiliario da mesma, Elisardo Temperán, presentaron en San Martiño Pinario o programa, que nesta ocasión consta de ata 16 procesións. Os actos arrincarán o sábado 20 de marzo, ás 20:00 horas, na igrexa de San Paio de Antealtares, co pregón da Semana Santa a cargo do profesor da Universidade de Santiago José Manuel Díaz de Bustamante. A continuación haberá un concerto do grupo de cámara da Real Filharmonía de Galicia.

As procesións comezarán o venres dos Dores, o 26 de marzo ás 21:00 horas, e rematarán o domingo 11 de abril, ás 19:00 horas, data na que sairá á rúa o Santísimo Cristo da Paciencia, en Conxo. O domingo 28 de marzo celebrarase nas igrexas da cidade o Domingo de Ramos, coa tradicional bendición das palmas e dos ramos. Ese día sairá e volverá a San Francisco, tras ir ata a praza do Obradoiro, a procesión da Entrada Triunfal de Xesús en Xerusalén (11:30 horas). Esta mesma xornada terá lugar a procesión da Esperanza, a cargo da Irmandade dos Estudantes, con saída e chegada na Igrexa das Ánimas (18:00 horas).

O luns 29 partirá da igrexa de Santa María do Camiño, ás 21:30 horas, a procesión da Humildade. Xa o martes 30, ás 21:00 horas, sairá do convento das Mercedarias, para dirixirse á Catedral, a procesión do Cristo da Paciencia.

Mércores Santo
O Mércores Santo, ás 20.00 horas, terá lugar o Exercicio do Vía Crucis. Unha representación de todas as confrarías composteláns participan na procesión, que sae do Campiño de San Francisco para chegar á praza do Obradoiro. Esta marcha ten a súa orixe na Confraría do Noso Pai Xesús Flaxelado, en colaboración coas confrarías de Noso Pai Xesús Nazareno e Santísima Virxe das Dolores e a do Santo Cristo da Unción e a Nosa Señora da Serenidade. Recuperada a procesión en 1988, as catorce estacións do Vía Crucis repártense polo percorrido e sinálanse por outras tantas cruces de madeira.

Unhas horas despois, ás 23:00 horas, partirá das Orfas a procesión do Cristo da Misericordia. A responsabilidade da mesma corresponde á Confraría de Estudantes, que paseará con cruz de guía acompañada de nenos de gala e música de tambores e de capela.

Xoves e Venres Santo
A procesión da Última Cea do Salvador sairá un ano máis en Xoves Santo, organizada pola Confraría da Vera Cruz. Arrincará ás 19:30 horas e rematará na igrexa de San Francisco, encabezada por unha talla do escultor compostelán Sanmartín realizada en 1864. E pouco antes da media noite, ás 23:30 horas, a procesión do Noso Pai Xesús Flaxelado percorrerá as rúas da zona histórica. Esta marcha ten carácter penitencial, con cruces e cadeas.

O Venres Santo iniciarase pola mañá, ás 11:00 horas, coa procesión do Santo Encontro, que partirá da praza da Quintana para chegar á igrexa de San Miguel dos Agros. Xa pola tarde (18:00 horas) sairá a Procesión da Quinta Angustia. Esta comitiva acostumaba a saír o luns de Pascua, sendo trasladada ao Venres Santo en 1968.

Tamén este día pasea a Procesión do Santo Enterro, con saída e chegada en San Domingos de Bonaval (20:00 horas). O Cristo Xacente e a Virxe dos Coitelos sobresaen entre os confrades vestidos de frac. A última procesión da xornada é a da Virxe da Soedade, que arrinca ás 23:00 horas na rúa Nova e remata na igrexa de Salomé. Ata os anos 30 a procesión saía o Domingo de Paixón. Durante moito tempo recibiu o nome popular de procesión de "Os Caladiños" e nela desfilaban tan só mulleres.

Sábado Santo e Domingo de Resurrección
O sábado 3 de abril, ás 20:00 horas, sairá a procesión dos Irmáns, da que se encarga a Confraría do Santo Cristo da Unción e Nosa Señora da Serenidade. Ademais destas dúas imaxes, 22 nenos portan a Cruz dos Infantes. E xa o Domingo de Pascua, o 4 de abril, ás 18:30 horas, a procesión do Santísimo Cristo Resucitado.

As procesións estarán acompañadas doutra serie de actos litúrxicos propios destas datas, moitos deles na Catedral compostelá. A bendición de palmas e ramos na Quintana, a Santa Misa Crismal, o Sacramento da Penitencia, a Santa Misa da Cea do Señor, a cerimonia do lavatorio de pés, o Sermón das Sete Palabras, o Vía Crucis, o Sermón da Soedade ou a Vixilia Pascual son algúns destes actos.

V Festival de Músicas Contemplativas
A Semana Santa é tamén a época escollida expresamente para celebrar o Festival de Músicas Contemplativas, que neste 2010 celebra a súa quinta edición. Este evento, deseñado polo Consorcio de Santiago, une arquitectura e música no marco do patrimonio restaurado e rehabilitado polo propio organismo. Serán 15 concertos de agrupacións musicais procedentes de Inglaterra, Vietnam, Francia, Mongolia, India, Exipto, Finlandia, Azerbaixán, Irán, Italia, Uzbekistán e Estados Unidos.

O Festival arrinca o luns 29 de marzo co grupo inglés de música antiga The New London Consort, que na igrexa de San Francisco interpretará pezas de Bach e Praetorius, e coa cantante vietnamita Houng Thanh, na igrexa da Universidade. O día 30 de marzo será a vez de Fretwork Ensemble (Inglaterra), de Les Éléments (Francia) e da cantante procedente de Mongolia Urna. O 31 de marzo, as igrexas de San Martiño Pinario, Ánimas e Universidade acollerán os recitais de, respectivamente, Divana Ensemble (India), Enma Kirby & London Baroque (Inglaterra) e Sheikh Taha (Exipto). O 1 de abril actuarán a Helsinki Baroque Orchestra, o Hilliard Ensemble e o grupo procedente de Acerbaixán Alim & Fargana Qasimov. O 2 de abril, a Capela do Hostal dos Reis Católicos será escenario para a música e a poesía mística persa de Parissa. Tamén nesa xornada actuarán Il suonar parlante (Italia) e o Monâjat Yultchieva (Uzbekistán). Finalmente, o 3 de abril pechará o festival a agrupación Kenneth Weiss, de Estados Unidos.

Compartir: