ALCALDÍA

O alcalde reitera o seu "pleno apoio" á USC

12/03/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, quixo reiterar a posición do Goberno municipal respecto á Universidade de Santiago, expresada xa en rolda de prensa o martes 2 de marzo. Expresou o seu "respecto" á autonomía da USC e garantiu o apoio ao equipo reitoral que saia das urnas, sexa cal sexa.

Sánchez Bugallo indicou que o Goberno municipal seguirá prestando o seu "pleno apoio" á USC, da que "somos socios e aliados". Partindo deste principio, indicou que "en rigor, Santiago, nin como cidade nin como universidade, poderá estar de acordo con algunha alternativa que supoña a segregación ou división da Facultade de Medicina".

O terceiro punto da posición municipal é a "necesidade de seguir impulsando o Campus da Saúde", apuntou o alcalde. Neste punto recordou o sucedido coa operación de Galeras, grazas á cal a Universidade obtivo fondos que en principio lle ían servir para financiar a construción de facultades e escolas, nun "caso atípico de autofinanciamento", dixo. Hoxe, recoñeceu, o custo do proxecto do Campus da Saúde obrigará a "ou reducir a ambición do proxecto ou a que outros entren a achegar financiamento". Sobre o futuro e as necesidades de fondos, Sánchez Bugallo manifestouse "dentro do razoable e da legalidade, a chegar ao límite para apoiar á USC".

O alcalde afirmou que quere retomar este tema co novo equipo reitoral que saia das urnas. Sobre o actual reitor, indicou que este pediu explicar o pacto de Medicina ao Consello Económico e Social. O luns 15 manterá un encontro con Senén Barro para fixar o calendario desa comparecencia e agradeceulle que queira explicar ese acordo.

Datos turísticos de febreiro
Na súa rolda de prensa semanal, o rexedor municipal tamén valorou os datos turísticos do mes de febreiro, "aínda non comparables aos de 2004, pero positivos", se ben recordou que nos mesmos tiveron unha decisiva influencia o Fórum Gastronómico e a Copa de España de Fútbol Sala. Cara marzo, dixo esperar que "as correccións na promoción e o propio efecto da visita do Papa empecen a dar froitos". Neste sentido, destacou a "escala europea e mesmo cara fóra de Europa" que lle deu ao Ano Santo a visita de Benedicto XVI.

Sobre outro aspecto do Xacobeo, a seguridade, anunciou para o luns 15 unha nova reunión da Comisión de Seguridade, na que se tratará o tema da non entrada de mochilas na Catedral. Indicou que está decidido que a consigna se estableza en San Martiño Pinario, pero quedan por concretar algúns aspecto que "deberán quedar resoltos antes de Semana Santa". Ademais, expresou a súa satisfacción porque o Consello da Xunta veña de aprobar o Circuíto de Control de Accesos á Catedral.

Plan de Difusión
Outro dos aspectos aos que se referiu o alcalde foi a recente viaxe a terras italianas para promocionar a cidade no marco do programa Santiago Une. A seguinte viaxe será a Bruxelas. Alí acudirá unha delegación compostelá respondendo á invitación da Unión Europea con motivo do 25 aniversario da creación das cidades europeas da cultura. Xa alí, aproveitarase para por en marcha un programa de actividades na liña do realizado en Italia.

Compartir: