CULTURA

"Revelando Voces" lanza un ano máis aos novos intérpretes de Compostela

11/03/2010 O Ciclo Revelando Voces pretende achegar un ano máis aos centros socioculturais de Compostela sons de diferentes formacións locais, buscando novos públicos e nova proxección para estes intérpretes. Os artistas interesados en participar nesta nova convocatoria xa poden presentar a súa solicitude ata o 22 de marzo.

A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, presentou esta nova edición de Revelando Voces, un ciclo cunha "filosofía de proximidade". Entre os seus obxectivos está "contribuír a crear un circuíto nos centros socioculturais" e a promoción dos artistas máis novos. O programa conta cun orzamento de 25.000 euros.

Un exemplo do que quere ser o ciclo e do seu éxito en pasadas edicións é que un dos participantes na anterior convocatoria, Aló Django, gravará o seu primeiro disco o venres 12 no Teatro Principal. A este concerto se referiu o coordinador deste Revelando Voces, Adolfo Muíños, que anunciou un concerto "cheo de sorpresas".

Revelando Voces é un circuíto de actuacións musicais en pequenas salas dos centros socioculturais. Pretende axudar a promocionar grupos compostelás ofrecendo unhas condicións de son e iluminación axeitadas para o desenvolvemento da súa proposta musical. É tamén á vez unha base de promoción e lanzamento do cantautor ou grupo.

Os técnicos municipais dos centros socioculturais seleccionarán sete formacións musicais e estas realizarán dous concertos cadansúa. Ademais, realizarase unha gala final no Teatro Principal. Os grupos participantes reciben una pequena compensación económica en función do seu número de integrantes.

Calquera estilo musical
O programa está aberto á participación dos grupos musicais de Compostela que queiran inscribirse, independentemente do seu estilo musical. Para participar é condición non ter participado como cantautor ou formación en anteriores edicións, salvo que se trate de proxectos novos con outro nome e proposta novidosa.

Os grupos e intérpretes deberán presentar as súas solicitudes antes do 22 de marzo nos centros socioculturais cabeceira: Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche, CSC José Saramago de Vite, CSC das Fontiñas, CSC Agustín Bueno do Castiñeiriño e CSC Aurelio Aguirre de Conxo. Serán precisamente estes centros, xunto co de Amio, os que acollan os concertos, que se celebrarán os sábados ás 21:00 horas. A entrada será de balde ata completar aforo. Para a gala final no Teatro Principal, os técnicos escollerán dúas formacións entre as participantes. O circuíto comezará en abril.

Documentos relacionados



Compartir: