ALCALDÍA

O alcalde convida os responsables municipais de Roma a visitar Santiago

09/03/2010 O alcalde compostelán, Xose A. Sanchez Bugallo, visitou o concello de Roma, onde foi recibido polo vicesindaco Mauro Cutrufo, con quen departiu arredor dos elementos comuns que teñen ambas cidades históricas. Entre estes, Sánchez Bugallo resaltou o "compoñente espiritual" e o feito de querer "gañar o futuro mantendo a fidelidade ao pasado e ás nosas raíces".

O rexedor santiagués transladou o seu desexo de que unha delegación do concello de Roma visite a capital galega os días 24 e 25 de xullo deste ano, se ben o sindaco romano estaba barallando tamén a idea de acudir en setembro.

No encontro falouse do acordo entre as cidades Roma-Jerusalén-Santiago, e de como avanzar no camiño da colaboración turística e cultural entre a cidade galega e a italiana.

Conferencia no Instituto Cervantes
O último acto da viaxe promocional por terras italianas no marco do programa Santiago Une tivo como sede o Instituto Cervantes de Roma. Alí o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, pronunciou unha conferencia na que trazou unha "postal viva" da realidade da cidade, co obxecto de animar aos italianos a visitala, especialmente neste Ano Santo.

"O Xacobeo 2010 é un bo motivo para vir a Compostela, pero non esquezan que en calquera época, en calquera momento e en calquera ano do calendario as portas da cidade están permanentemente abertas", díxolles Sánchez Bugallo aos asistentes á conferencia. Por iso, convidou aos italianos a visitar Santiago e a vivir na cidade "unha experiencia espiritual, cultural e histórica única.

Na súa intervención, o rexedor compostelán recordou a histórica vinculación de Italia e de Roma con Santiago, da que hoxe é expresión o proxecto europeo Triángulo Maior. Cidades Santas – Patrimonio da Humanidade, que establece unha rede de cooperación entre Santiago, Roma e Xerusalén. A propósito do turismo relixioso lembrou que "mobiliza a 300 millóns de turistas ao ano e xera un volume de más de 13.000 millóns de euros. Compostela atópase, dentro destas estatísticas, no sétimo posto a nivel mundial, cunha media de catro millóns e medio de visitantes por temporada, segundo un estudo realizado pola Oficina Española de Turismo en Roma". Incidiu tamén en que "somos unha das cidades españolas preferidas polos turistas italianos". Así, o turismo transalpino rexistrou un incremento superior ao 100% entre 2003 e 2009.

Tras recordar as palabras de Goethe cando dicía que "a idea de Europa naceu peregrinando a Compostela", o alcalde falou da realidade de Compostela, a histórica e a do presente, intimamente ligadas porque "a obriga de presentar a nosa cidade ao mundo como patrimonio de todos obrigounos a actuar cunha prudencia especial á hora de planificar, de medrar e de modernizarnos".

Con ese punto de referencia, explicou o proceso de recuperación e rehabilitación da Cidade Histórica, "que pasaba en primeiro lugar por restablecer o seu valor cultural como feito urbano e o equilibrio das súas funcións". Non obstante, engadiu, " quizais os aspectos que mellor cualifican a renovación dunha cidade histórica como a de Santiago de Compostela, en relación ás funcións urbanas que debe representar, sexan o mantemento da diversidade social que historicamente a conformou e a pervivencia dos seus espazos públicos como primeiro lugar de encontro, de cultura e de relación".

Xa realizando unha radiografía do logrado nas últimas décadas, resaltou a consolidación da centralidade da cidade histórica, o crecemento compacto do solo residencial, a ampliación das zonas verdes, o acondicionamento dos espazos públicos, a construción do Periférico ou a adaptación para a recepción dos grandes fluxos de turismo. "Afortunadamente –dixo- a nosa é unha cidade equilibrada, con excelentes niveis de benestar e seguridade, pensada para vivir, traballar e recibir ao visitante".

Compartir: