XUNTA DE GOBERNO

O Goberno local aproba o regulamento do Servizo de Atención Domiciliaria e Comunitaria á Infancia

09/03/2010 A Xunta de Goberno aprobou o proxecto de regulamento de funcionamento do Servizo de Atención Domiciliaria e Comunitaria á Infancia. O obxectivo do cambio na norma é ampliar a atención domiciliaria a aquelas unidades de convivencia que presentan especiais dificultades na atención dos menores ao seu cargo.

O regulamento establece os requisitos e o funcionamento deste Servizo, tanto no que atinxe ás persoas usuarias como aos requisitos que deberá cumprir na prestación á empresa que resulte adxudicataria do servizo. Entre os obxectivos específicos desta prestación está ofrecer un servizo de atención de menores no fogar atendido por profesionais debidamente cualificados, facilitar a atención das fillas e fillos menores das mulleres que sofren violencia de xénero, contribuír a elevar o número de persoas incorporadas á formación e ao emprego, previr situacións de discriminación ou de exclusión social en familias con cargas familiares non compartidas, contribuír á implantación de políticas de igualdades ou atender as situacións conxunturais de crise persoal ou familiar que afecten á autonomía persoal ou social.

O regulamento establece tanto a modalidade de atención familiar no enderezo particular do solicitante como a atención colectiva en determinadas actividades. O Concello, a través da correspondente ordenanza municipal, fixa as taxas ou prezos públicos desta prestación.

Os beneficiarios deberá cumprir os requisitos establecidos neste regulamento e no seu baremo económico. Nestes casos, o servizo de atención familiar prestarase de luns a venres en horario de 7:30 a 22:00 horas, ao longo de todo o ano e fóra do horario escolar. Poderase ampliar o horario atendendo a casos concretos de traballo nocturno ou de fin de semana. O servizo de atención colectiva prestarase os días laborais em horario de 15:00 a 22:00 horas, e excepcionalmente domingos e festivos segundo a dispoñibilidade do servizo.

Este regulamento deberá ser aprobado inicialmente polo Pleno e, tras o período de alegacións, será sometido á aprobación definitiva do mesmo.

Contratación
Por outra parte, o Goberno local tamén abordou varios expedientes de contratación. En concreto, aprobou os pregos de cláusulas e iniciou o expediente de contratación do servizo de mantemento e conservación dos terreos de xogo dos campos de fútbol de San Lázaro I, San Lázaro II e zonas verdes anexas do campo de Santa Isabel. O tipo de licitación fixouse en 48.942 euros máis IVE.

Ademais, adxudicouse provisionalmente o subministro de catro vehículos patrulla para a Policía Local, por un importe de 80.603 euros máis IVE, e tamén o servizo de creación, cobertura e mantemento do arquivo fotográfico do Concello, neste caso por un importe de 40.000 euros máis IVE.

Rehabilitación integral
Finalmente, deuse conta da conta da sinatura de diversos acordos no marco da Comisión bilateral do Plan estatal de Vivenda relativos a distintas áreas de rehabilitación integral. Son os relativos ás áreas de rehabilitación integral do Casco Histórico, 11ª fase; polígono de Vista Alegre, 4ª fase; e barrio de Pontepedriña, 1ª fase; todos eles con cargo aos obxectivos 2009 do citado Plan.

Documentos relacionados



Compartir: