TURISMO

Unha produción de Curtocircuíto recibe dous premios no Festival de Ourense

21/11/2005 O Festival de Cine de Ourense, que concluíu o pasado sábado, recoñeceu co seu premio do Eixo Atlántico á curtametraxe ‘Te quiero mal’ de Mireia Giró, producida en Santiago tras gañar o ‘Proxecto Compostela Plató’ na pasada edición do festival compostelán Curtocircuíto.

Ao premio Eixo Atlántico, reservado polo festival ourensán para curtametraxes producidas en Galicia ou Portugal, sumouse o galardón da Fundación Aisge á mellor actriz do evento, que recaeu sobre Isabel Naveira, protagonista da curta compostelá.

A curtametraxe ‘Te quiero mal’ é o resultado da convocatoria ‘Proxecto Compostela Plató’, sección do festival Curtocircuíto cuxo premio consistía na produción do guión gañador por un importe de 30 mil euros.

Tras resultar escollido o guión presentado pola directora catalana Mireia Giró, a rodaxe tivo lugar en diversos escenarios de Santiago este verán, coa producción de Ficción e a Santiago de Compostela Film Commission. A curta estreouse na gala de premios do Festival, o pasado 22 de outubro no Teatro Principal.

O Festival Internacional de Curtametraxes ‘Curtocircuíto 2005’, que ve novamente recompensada a súa capacidade de produción fílmica cos premios recibidos en Ourense por ‘Te quiero mal’, é unha iniciativa da Santiago de Compostela Film Commission, apoiada por Turismo do Concello de Santiago e patrocinada pola Deputación da Coruña e a Fundación Caixa Galicia.

Compartir: