PARTICIPACIÓN CIDADÁ

A Casa das Asociacións rende homenaxe a Isaac Díaz Pardo

11/03/2010 A Casa das Asociacións, como espazo de encontro e relación da Concellaría de Participación Cidadá, está a promover ao longo do ano diversos actos de recoñecemento público a composteláns destacados no eido do asociacionismo ou cuxo percorrido vital ou profesional deixasen unha pegada no imaxinario da nosa cidade. Así, o xoves 18 de marzo, o homenaxeado será Isaac Díaz Pardo.

Na reunión do Consello de Relacións Veciñais celebrada o pasado 23 de febreiro e, a proposta dos representantes das asociacións veciñais, acordarase homenaxear a Isaac Díaz Pardo, ilustre compostelán amplamente coñecido e apreciado por todos e que ten recibido ao longo da súa vida numerosas distincións e recoñecementos institucionais nacionais e internacionais.

A Concellería de Participación Cidadá quere convidar a todas as asociacións veciñais e aos cidadáns interesados a participar neste recoñecemento a Díaz Pardo, que se vai celebrar o xoves 18 de marzo. Ese día, ás 20:00 horas, realizarase un acto de homenaxe na Casa das Asociacións (antiga estación de Cornes), no marco da inauguración da exposición As Misións Pedagóxicas 1931-1936. Despois, ás 21:30 horas, celebrarase unha cea no Restaurante A Costela de Román (San Pedro de Mezonzo, 26, baixo). O prezo do menú é de 18 euros, que se pagarán retirando a tarxeta na Casa das Asociacións de martes a venres en horario de 17:00 a 21:00 horas ata o día 16 de marzo.

Compartir: