TRANSPORTES

TUSSA incrementa os seus orzamentos ata case os dous millóns de euros

05/03/2010 A Sociedade Municipal de Xestión do Transporte Urbano (TUSSA) afronta o novo exercicio 2010 cun orzamento equilibrado entre ingresos e gastos de 1.941.796 euros, un 25,84% superior ao presupostado para 2009. Así o aprobou o consello de administración da sociedade, presidido polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo.

Para este ano 2010, TUSSA aposta de xeito decidido pola mellora global da mobilidade do concello, coa creación de novas áreas de estacionamento, co control do sistema de transporte individualizado en bicicleta e cunha política de avaliación e progresión continua na promoción do transporte público na cidade.

Destaca especialmente a posta en marcha do aparcadoiro de Santa Marta, que é sen lugar a dúbida un dos proxectos máis ambiciosos de TUSSA dende a súa creación. Neste caso, TUSSA non só se vai encargar da xestión do aparcadoiro, senón que vai acometer a construción da superficie, o que vai supoñer un investimento total de 278.229 euros.

Segundo indicou o concelleiro de Transportes, Carlos Nieves, este estacionamento vai contar con 9.000 metros cadrados de superficie e 340 prazas. Por un prezo de 1,50 euros, os usuarios poderán deixar o vehículo durante toda a xornada. O horario será de 7:30 a 22:00 horas de luns a venres e de 7:00 a 14:30 horas os sábados. Este estacionamento estará atendido polas liñas de autobuses 1, 2, C2 e C4.

Actualmente, TUSSA realiza as seguintes actividades:

• De acordo co obxecto social da empresa, TUSSA encárgase da instrumentación das políticas de transporte público urbano de viaxeiros e da coordinación doutros sistemas de transporte que serven ás necesidades da cidade.

• Dende o 2001 xestiona de forma directa o aparcadoiro vixiado de Xoán XXIII, froito da encomenda de xestión realizada polo Concello.

• Dende 2004 encárgase, tamén por encomenda do Concello, da xestión e da explotación da superficie de Belvís e da dársena de autobuses de Xoán XXIII.

• En 2005, o Concello cedeu a TUSSA a concesión da explotación do servizo público da estación de autobuses.

Documentos relacionados



Compartir: