SEGURIDADE CIDADÁ

Compostela segue a rexistrar uns índices baixos de delitos

05/03/2010 A concelleira de Seguridade Cidadá, Marta Álvarez-Santullano e o xefe da Policía Local, Norberto Villaverde, fixeron balance do traballo desenvolvido por este corpo durante o 2009. Das mesmas dedúcese que Santiago segue a ser unha cidade segura polo seu índice de delitos.

O xefe da Policía Local explicou a modo de exemplo sobre os índices de delincuencia que, en 2009, a Policía Local non tivo que intervir en ningún caso de atentado contra a liberdade sexual, polos tres casos do ano precedente. En materia de violencia de xénero, interviñeron en 15 ocasións, 10 menos que en 2008.

Respecto aos datos de sinistros nas estradas do casco urbano, a Policía Local tivo que acudir a 835 demandas de servizo por accidentes de tráfico, fronte as 899 do ano anterior. Se ben houbo dous falecidos, un máis que en 2008, Norberto Villaverde apuntou que media de falecidos no período 2005 e 2009 é de 1,4 falecidos. Importante foi a redución do número de feridos graves, que pasou de 35 a 25 respecto ao ano anterior.

Destacou o responsable da Policía Local a importancia que na redución das infraccións graves na estrada ten tido a implantación do carné por puntos e o endurecemento do Código Penal en materia de tráfico. Isto é palpable especialmente nos excesos de velocidade, que son menores en cidade dos que se rexistraban anos atrás. Tamén lle deu valor ás campañas de educación vial entre os máis novos. Precisamente en materia do carné por puntos, a Policía Local interveu en casos dos que se xeraron 322 expedientes pechados, que á súa vez se traduciron en 1.028 puntos retirados aos seus titulares.

Todos estes datos de tráfico enmárcanse nunha cidade pola que, segundo dixo, pasan máis de 100.000 vehículos cada día, superando amplamente o parque de vehículos rexistrados da cidade, que están nos 60.000. Deste xeito, pasan cada mes por Santiago unha media de 2,5 millóns de vehículos e, cada ano, máis de 30 millóns de vehículos.

Compartir: