ALCALDÍA

O Plan de Difusión Exterior de Compostela comeza con actos en catro cidades italianas

05/03/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, acompañado de varios concelleiros e de diferentes representantes sociais e académicos da cidade, viaxará a Italia os días 7, 8 e 9 de marzo. Ponse así en marcha a primeira das accións do recentemente presentado Plan de Difusión de Compostela 2010.

Catro cidades italianas, Asís, Perugia, Narni e Roma albergarán diversos actos, no marco das Xornadas de Encontro entre cidades Irmandadas Santiago – Une. O lema destas xornadas é "Un Camiño de valores. Loita contra a pobreza e a exclusión social". A axenda inclúe dende encontros institucionais a exposicións, ademais de diversas sesións de traballo e conferencias.

Esta viaxe é a primeira das previstas no Plan de Difusión, e xa está pechada outra en Bruxelas, apuntou o alcalde. O obxectivo municipal é realizar tamén accións semellantes en cidades como Munich, Milán ou Zurich. Tamén, en colaboración con Turespaña, existe a posibilidade de realizar esta promoción exterior nunha cidade americana, posiblemente a brasileira Sâo Paulo.

Visita do Papa
Na súa rolda de prensa semana, o alcalde aproveitou para reiterar a súa satisfacción pola visita da Súa Santidade O Papa. Manifestou a dispoñibilidade municipal para colaborar en todo o que lle sexa requirido polo Arcebispado e polo delegado pontificio. "Será eles os que digan o que queren", dixo. Sobre este tema e o dispositivo de seguridade que implica, conversará o 15 de marzo co delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro, nunha reunión na que avaliarán tamén a marcha do dispositivo para o Ano Santo.

Facultade de Medicina
Tamén se referiu Sánchez Bugallo á Facultade de Medicina, para insistir en que a posición é de "non á segregación e non á división". Reiterou a "lealdade institucional" do Concello coa Universidade, pero reiterou que "non se poden cambiar as regras do xogo" a propósito dun reparto de titulacións que, no seu día, obrigou a renuncias a Santiago polo feito de acoller en exclusividade Medicina.

Documentos relacionados



Compartir: