COMERCIO

Os comercios premiados no Concurso de Escaparatismo Fórum Gastronómico recibiron os seus diplomas

03/03/2010 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, entregou os diplomas acreditativos aos comercios premiados no Concurso de Escaparatismo Fórum Gastronómico, Media Lúa, Xocoátel e Marabillas; e as bandas de escaparatismo aos tres estabelecementos gañadores da Edición de Nadal do VI Concurso Municipal de Escaparatismo SCQ Shopping: Media Lúa, Andrómenas e Floristería Lilas.

Os comercios premiados no Concurso de Escaparatismo Fórum Gastronómico contarán cun espazo publicitario gratuíto na prensa local, e disfrutarán dunha menú degustación para dúas persoas, con bebida incluída: o primeiro clasificado, Media Lúa no restaurante Pedro Roca, localizado na rúa de Domingo García Sabell, número 1; o segundo, Xocoátel no restaurante Calderón, situado na rúa da Carreira do conde, número 8; e o terceiro, Marabillas en De Profundis-Hotel Monumento San Francisco, localizado na rúa do Campiño de San Francisco, número 3. O xurado valorou a ambientación de temática gastronómica, xunto a outros factores como a orixinalidade, a eficacia da mensaxe publicitaria, e a integración dun mandil do Fórum Gastronómico (que a organización repartiu entre os estabelecementos inscritos) na composición do escaparate.

Os estabelecementos gañadores da edición de Nadal, Media Lúa, calisificado en primeiro lugar, Andrómenas, que foi segundo, e Floristería Lilas, clasificado en terceiro lugar, recibirán como premio unha campaña publicitaria de balde a nivel local. O valor da campaña é de 5.156 euros para os primeiros clasificados en cada unha das edicións, de 2.306 euros para os segundos, e de 1.682 euros para os terceiros clasificados. Contabilizando as catro edicións, o certame destina 36.581 euros a premios.

No Concurso de Escaparatismo, enmarcado no Plan Estratéxico do Comercio Compostelán, colaboran a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, a Asociación de Comerciantes de Santiago ACOTES, a Asociación de Comerciantes e Profesionais Centro Comercial Aberto Compostela Monumental, a Fundación Santiago Centro Área Comercial, a Asociación de Comerciantes do Barrio de San Pedro, Euroconsumo Galicia e El Correo Gallego.

Compartir: