ALCALDÍA

Sánchez Bugallo: "A visita do Papa é a mellor noticia para este Ano Santo"

03/03/2010 O 6 de novembro será a data na que a Súa Santidade o Papa Benedicto XVI visite Santiago de Compostela. Para o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, "esta é a máis esperada e a mellor noticia para o Ano Santo".

A confirmación desta visita é "un novo e decidido impulso ao Xacobeo", indicou o alcalde, quen manifestou a súa "satisfacción inmensa" por este anuncio. En rolda de prensa, agradeceu a todos os que fixeron posible esta visita, con especial referencia ás xestións realizadas pola Casa Real. Tamén lle deu as grazas ao arcebispo compostelán, ao presidente da Conferencia Episcopal, aos presidentes do Goberno e da Xunta e ao embaixador español no Vaticano.

Esta será a terceira vez que un Papa visite Santiago de Compostela. Neste sentido, o alcalde indicou que "daremos todo o que estea na nosa man para garantir o éxito desta visita". Comentou o operativo de seguridade e acollida que será preciso por en marcha, apuntando que "o simple anuncio da visita constitúe un incentivo enorme que mobilizará a miles de parroquias de España e Europa".

Compartir: