CULTURA

Marzo trae a Compostela a danza de Sol Picó, o teatro de Man Drake & Toméo Vergès e a música de Roi Casal

03/03/2010 A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, e o director xerente do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez, presentaron en rolda de prensa a programación cultural de marzo, que ten na música, a danza, o teatro e as artes plásticas algunhas das propostas máis destacadas. A compañía francesa Max Drake & Toméo Vergès, a compañía de danza de Sol Picó, o artista de folk Roi Casal, o pianista Alexander Ghindin e a artista María Xosé Díaz son algúns dos protagonistas da programación.

Dentro do ciclo SCQ Danza, a prestixiosa compañía de Sol Picó presentará o 19 de marzo no Teatro Principal El llac de les mosques, unha obra "sobre os vaivéns que se producen coa idade: que pasa aos 40, aos 50, aos 60", explicou Socorro García Conde. Na zona de contacto coa danza contemporánea móvese tamén a obra Idiotas, unha produción da compañía Man Drake & Toméo Vergés que se presenta en Teatro e Danza en Xira o mércores 10. Este coreógrafo catalán asentado en Francia propón unha peza que "explora as distintas figuras do idiota, cunha visión divertida cando non espantosa do tópico", sinalou a concelleira.

A programación de artes escénicas complétase con dúas das compañías galegas máis recoñecidas. Ancora Producións pon en escena os días 4 e 5 Colgados. A incrible historia do Homesoga, o colgado de Celeiro, escrita e interpretada por Gustavo Pernas Cora e dirixida por Anxela G. Abalo. E Mofa e Befa repón os días 24 e 25 Shakespeare para ignorantes, dirixida por Quico Cadaval, despois de que nas dúas sesións do mes de febreiro se esgotasen todas as entradas.

Roi Casal e música culta
O ciclo Sons da Diversidade trae este mes a Roi Casal, un dos novos nomes máis sólidos do folk galego. O sábado 13 levará ao Auditorio de Galicia a súa lectura con toques de pop da nosa música tradicional. Un día despois estará no mesmo escenario o pianista ruso Alexander Ghindin, que interpretará pezas de Schubert, Scriabin e Chopin no terceiro concerto do ciclo de piano Ángel Brage. Ao longo deste mes, a Filharmonía actuará dúas veces no programa de abono. A primeira será o xoves 4 coa dirección de Ros Marbà e Iván Martín ao piano para afrontar un programa dedicado integramente a Schubert. A segunda será o xoves 25, cando Ros Marbà dirixirá de novo a orquestra cun programa no que terán especial protagonismo os instrumentos de corda, a través de pezas de Halffter e Haydn. O programa de abono inclúe tamén un concerto da Orquestra Sinfónica de Galicia o xoves 18 e outro da Orquesta Sinfónica de Venezuela o domingo 21.

No ciclo de Concertos Didácticos estará os días 10 e 11 Artello Teatro Alla Scala 1:5 coa obra Polgariño. E a Banda Municipal de Música desenvolverá un intenso programa que inclúe o concerto especial polo Día da Muller Traballadora o domingo 7, no que estará dirixida por Izaskun Urrutia, un novo concerto do ciclo Novos Compositores Galegos o día 14 e o Concerto Caprichoso o día 21 de marzo. Xa no campo das artes visuais, o 11 de marzo, o Auditorio de Galicia inaugura a exposición María Xosé Díaz, 1980-2010, unha mostra retrospectiva sobre a artista da que é comisario Antonio Garrido Moreno, e que estará aberta ata o 20 de xuño. Na Zona "C", continúa aberta no mes de marzo a exposición Grandes batallas, de Antía Moure. A programación complétase con numerosas actividades nos centros socioculturais, que inclúen conferencias, exposicións, obradoiros, proxeccións audiovisuais e actividades para nenos e nenas e para maiores.

Documentos relacionados



Compartir: