XUNTA DE GOBERNO

Santiago de Compostela liderará e coordinará o proxecto medioambiental europeo "Parkatlantic"

02/03/2010 Deuse conta na Xunta de Goberno da selección do proxecto Parkatlantic, presentado á convocatoria do Programa europeo Interreg IV B, para o seu financiamento con fondos europeos no 65% dos seus gastos, que é a máxima colaboración que contempla este programa.

A concelleira do Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, valorou moi positivamente que Compostela fora seleccionada porque "nos dará a oportunidade de avanzar na posta en valor das nosas zonas verdes e no modelo de cidade sustentable". Destacou ademais a concelleira que esa sustentabilidade será exercida "dende a cooperación con outras cidades do espazo atlántico, o que representa non só un estímulo moi positivo senón tamén a posibilidade do apoio mutuo e aproveitamento de sinerxías".

Cienfuegos explicou que "o programa europeo Interreg IV B - Espazo Atlántico ten como obxectivo contribuír á cohesión territorial da área a través do reforzo da cooperación na xeración de, entre outros, proxectos medioambientais e de xestión de recursos hídricos" A proposta encabezada por Santiago foi unha das 14 escollidas entre as 78 candidaturas presentadas no 2009 a este Interreg IV, un proxecto no que tamén participan outras catro cidades europeas: Porto, Angers (Pais do Loira, Francia), Limerick (Munster, Irlanda) e Pau (Aquitania, Francia). Elvira Resaltou que "este proxecto èm]Parkatlantic enmárcase na prioridade de promover as sinerxías transnacionais na promoción dos espazos naturais e do patrimonio cultural atlántico de interese transnacional".

Parkatlantic
O obxectivo principal do proxecto liderado por Compostela é a posta en valor dos parques urbanos atlánticos e a potenciación da súa contribución ao desenvolvemento urbano sustentable. Neste sentido, trátase de avanzar nun modelo de cidades máis ecolóxico, no que haxa unha integración funcional dos parques, e que ademais, constitúan un atractivo turístico que complemente a riqueza cultural e a patrimonial das cidades.

Santiago é quen encabeza o proxecto, o que significa que foi o concello que lanzou a proposta á que posteriormente se sumaron as outras cidades. Agora será Compostela a urbe que coordine o seu desenvolvemento e quen manteña a interlocución directa coa Unión Europea. Os outros catro socios de Parkatlantic partillan con Santiago as características de contar cun importante patrimonio histórico-artístico ou monumental, cunha importante rede de parques e espazos naturais. Urbes pequenas e medianas, sendo Porto a maior, case todas á beira dun río ou con lago, con elevados ratios de zona verde por habitante, con importantes programacións culturais, case todas cidades universitarias e para as que o turismo é unha importante fonte de ingresos.

O orzamento total do proxecto ascende a 1.301.170 euros, a executar antes de decembro do 2012, o que supón un financiamento de fondos FEDER que ascende a 845.761 euros, dos que corresponderán 227.177 euros a Santiago. Parkatlantic abarcará actividades de análise, investigación, intercambio de coñecemento e experiencias e difusión. Entre outras accións, redactarase un estudio de parques urbanos e periurbanos -con inventario, localización e mapas temáticos-, concretarase un plano de acción urbano atlántico sustentable tomando como referencia as zonas verdes, elaboraranse materiais para a formación en liña de técnicos municipais, organizaranse seminarios para o intercambio de coñecementos e experiencias, elaboraranse roteiros temáticos descargables da rede en varias linguas e distintos formatos, ou editaranse diferentes publicacións das redes de parques.

Educación
Tamén na Xunta de Goberno aprobáronse os prazos de solicitude e matrícula da Escola Municipal de Música para o curso 2010-2011. Así, para os alumnados do centro, a reserva de praza será do 4 ao 14 de maio e a matrícula do 18 ao 28 do mesmo mes.

No caso do novo alumnado, as solicitudes deberán formalizarse entre o 31 de maio e o 11 de xuño. Os admitidos matricularanse do 21 de xuño ao 2 de xullo. As listas de admisión estarán expostas o 15 de xuño.

Réxime Interior e Reforma Administrativa
A proposta da concelleira de Réxime Interior, acordouse por en marcha diversas medidas para a racionalización do gasto corrente para o exercicio 2010 e decidiuse a súa remisión aos distintos servizos aos efectos da súa inmediata aplicación.

No ámbito da mesma Concellería, aprobouse a sinatura dun convenio de colaboración coa Fundación Europea para a Sociedade da Información e a Administración Electrónica para implantar seis postos de información administratel nas dependencias do Concello. Estes postos terán a función de facilitar aos cidadáns os seus trámites electrónicos co Concello.

Cidade Histórica
Finalmente, en materia de Rehabilitación, aprobáronse dúas axudas para proxectos singulares de rehabilitación na Cidade Histórica por importe de 400.000 euros. Tamén se deu o visto bo a unha axuda para elementos especiais de madeira por importe de 20.000 euros.

Compartir: