BENESTAR SOCIAL E IGUALDADE

Máis do 70% da poboación compostelá está satisfeita co tempo que dispón para si mesma

02/03/2010 A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Mar Martín, presentou os resultados do Diagnóstico sobre os horarios e usos do tempo da cidade de Santiago. Este estudo, que xa foi presentado á Mesa de Concertación do Pacto Local pola Conciliación, servirá como documento base para a planificación e articulación de todas aquelas medidas municipais que faciliten a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

Entre os resultados deste traballo destaca que o 28,6% da poboación enquisada admite estar pouco ou nada satisfeita co tempo que dispón para si mesmo/a. Malia todo, as tres cuartas partes da poboación enquisada no Concello de Santiago atópase bastante ou moi satisfeita co tempo co que conta para si.

Nesta percepción inflúe a variable sexo. Así, as obrigas familiares e do fogar asumidas tradicionalmente polas mulleres, tradúcense nunha peor valoración dos seus horarios de traballo ao resultarlles un grave obstáculo para lograr a conciliación.

O tipo de xornada laboral tamén condiciona a análise, fundamentalmente porque case todos os sectores teñen distribuída a súa xornada laboral de modo partido. Esta característica atópase especialmente acentuada nos sectores da construción e da industria.

Tarefas domésticas, lecer e durmir
As actividades ás que se lles resta tempo de forma máis habitual son as tarefas domésticas, seguido das actividades do tempo de lecer e a durmir. Non obstante, destaca o dato de que o 25% das persoas enquisadas manifesta que non precisa deixar de lado ningún labor por falta de tempo (principalmente persoas de sexo masculino maiores de 55 anos).

Nesta perda de tempo tamén inflúe o medio de transporte, que maioritariamente é o coche é o coche particular, seguido do autobús urbano. Con todo, máis da metade da poboación vai andando a algunha das actividades que realiza.

Á hora de empregar o tempo, existen acusadas diferenzas entre a porcentaxe de mulleres e homes que realizan diariamente algunhas actividades. Así, a limpeza da casa e da roupa e o coidado de familiares son tarefas que realizan diariamente o dobre de mulleres que de homes. Neste sentido, os datos deixan constancia da feminización da tarefa "ama de casa", onde se atopan ubicadas o 25% das mulleres.

Pola contra, son os homes os que máis tempo dedican diariamente ás actividades relacionadas co desfrute persoal como son: actividades de lectura, empregar Internet ou o ordenador fóra do traballo, facer exercicio ou quedar coas amizades e familia.

Ampla representatividade
Esta Diagnose foi realizada a partir de 398 cuestionarios telefónicos nos seis distritos nos que se dividiu o municipio para este estudo. Ademais, entrevistouse directamente a 84 axentes destacados da cidade para lograr incluír a voz e a opinión do conxunto da cidadanía (asociacións de mulleres, culturais, deportivas, de veciños, ANPAS, mocidade, ONG, etc).

O documento forma parte do Plan de Programación do Tempo no Concello, iniciativa que se suma á xa en funcionamento do Banco do Tempo, promovidas ambas pola Consellería de Traballo e Benestar. Deste xeito, comezouse coa presentación e validación do Diagnóstico na Mesa de Concertación do Pacto Local pola Conciliación, a cal traballará nos vindeiros dous meses para acadar o primeiro acordo municipal en materia de conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

Compartir: