MEDIO AMBIENTE

Nace o novo espazo web da Concellería de Medio Ambiente

25/02/2010 "Unha páxina que nace con vontade de informar e formar, mais tamén con vontade de medrar e enriquecerse, para un mellor coñecemento e interpretación ambiental de Compostela e para un maior compromiso ambiental da cidadanía". Con estas palabras, a concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, presentou a nova páxina web www.compostelaviva.org. Durante a súa intervención estivo acompañada de María Fernández, da empresa Dimensiona, que foi a encargada de desenvolver e implementar este novo espazo na rede.

A concelleira indicou que "para a divulgación e a posta en valor do noso medio natural editamos diferentes materiais divulgativos que nos achegan e axudan a coñecer mellor os espazos naturais da nosa cidade". "Agora, esta páxina web únese aos folletos divulgativos dos nosos ríos, da historia da auga na cidade, ás pequenas guías de parques, que estamos editando e que se poden encontrar xa para descarga tamén nesta páxina", engadiu.

Elvira Cienfuegos explicou tamén que "hoxe www.compostelaviva.org é unha nova ferramenta comunicativa e de referencia, un espazo web en crecemento que se irá completando e no que se irán incorporando máis materiais e contidos, unha páxina viva da que agora presentámosvos os puntos de partida, mas xa nas próximas semanas iremos completando con máis materiais e mellorando os existentes ata agora". O obxectivo final é "concentrar unha serie de información e materiais que están dispersos. A nosa pretensión é que todos estes contidos sexan máis accesibés a toda a cidadanía e veciñanza, non só de Compostela, senón a todas as persoas que se interesen polo Medio Ambiente de Santiago".

Cinco áreas temáticas:

• Concellaría: Esta é a parte onde se reflicte a información institucional, preséntase a Concellería e a concelleira que a dirixe neste momento, colócanse tamén os criterios de actuación de Medio Ambiente de Santiago, os servizos e actividades que ofrece esta Concellaría, a normativa actual en materia ambiental, e destacase tamén unha subárea cos datos de contacto, no que se inclúe un formulario de contacto que se une a ao do web xeral do Concello e ao e-mail habitual de contacto.

• Auga: Nesta área móstrase toda a información relativa á xestión da auga en Santiago, recollendo recomendacións de uso, indicando lugares de interese histórico relacionados co abastecemento de auga e, ademais, engadiuse un pesquisador de fontes e lavadoiros.

• Espazos vivos: Baixo este epígrafe agrupouse a información referente aos ríos, parques e xardíns de Compostela. Aquí fanse breves descricións de todos eles, que serán completadas nun futuro. Ademais disponibilízanse todos os materiais divulgativos que se están editando como as pequenas guías, os mapas dos parques, os folletos dos roteiros do Tambre e do Sarela, etc. Tamén nesta sección saliéntase o CIPX da Alameda e a declaración EMAS do Departamento de Parques e Xardíns.

• Participación: Esta área está intimamente ligada ao Consello Municipal de Medio Ambiente. Aquí detállase cal é a súa función, quen o compón e os resumos das reunións. Tamén se disponibiliza a información relacionada coa Axenda 21 Local e un directorio de asociacións medioambientais de Santiago.

• Sustentabilidade: Esta quinta área mostra a información relativa á enerxía e ao seu aforro. Tamén se describen as axudas para as plantacións forestais e colócase para descarga o Plan Municipal de Prevención de Incendios forestais.

A todo o anterior engádeselle unha sección específica de novas, que irá dando conta dos temas e das noticias de maior actualidade. Tamén dispón a web dun buscador interno para facilitar a localización de contidos e dun formulario de contacto que permite realizar achegas ou suxestións on-line xunto aos enderezos postais e teléfonos.

A páxina web desenvolveuse empregando o xestor de contidos de software libre Typo3, está construída con xhtml e css válido e cumpre co nivel de accesibilidade AA. O uso destas ferramentas garanten a sustentabilidade tecnolóxica da web, ao permitir integrar novos módulos de xestión e redimensionar os seus contidos sen necesidade de mudar ou introducir modificacións estruturais na súa arquitectura de programación.

Direccións relacionadas



Compartir: