TURISMO

O Fórum Gastronómico despídese de Santiago ata o ano 2012

24/02/2010 Clausurouse o Fórum Gastronómico Santiago 2010. Ademais da presenza de destacados cociñeiros, o Auditorio do Fórum Gastronómico acolleu a entrega dos Premios Picadillo e do Premio Fórum Tapas.

O Auditorio do Fórum Gastronómico Santiago 2010, As Cociñas do Atlántico, acolleu a entrega dos Premios Picadillo a cinco profesionais galegos en recoñecemento á súa traxectoria en diferentes ámbitos vinculados á gastronomía. Estes premios toman o seu nome do coñecido xornalista gastronómico galego.

O acto, presentado por Pep Palau, co-director do Fórum Gastronómico Santiago 2010, estivo precedido pola entrega do Premio á mellor tapa do certame Fórum Tapas. O Catro recibiu o galardón de mans de Jose Antonio Liñares, presidente da Asociación de Hostalería de Santiago, pola súa tapa "A madrigueira".

A continuación entregáronse os premios Picadillo, distribuídos en cinco categorías. Maruxa Ledo, xerente de Turismo de Santiago, entregou o Premio á Formación Hostaleira ao CIFP Compostela, en recoñecemento ao labor académico que leva a cabo curso tras curso. Antonio Muíños, propietario de Porto Muíños, recibiu o Premio á Promoción Agroalimentaria de mans de Javier Louzao, director comercial de Rosareiro, polo seu traballo de investigación, desenvolvemento e produción ao redor das algas. Manuel Pérez Piñón, xefe de Trade Mercadotecnia de Fillos de Rivera, entregou a Gerardo Méndez, de DO Ferreiro, o Premio á Promoción do Viño, pola súa inxente achega á enoloxía e á viticultura, e o seu labor na promoción exterior dos viños galegos.

José Manuel Branco, director de Relacións Institucionais do Corte Inglés, entregou a Eduardo Pardo, de Casa Pardo (Coruña) o Premio á Sala de Restaurante en recoñecemento á traxectoria de toda unha vida dedicada á dignificación do oficio de sala. Finalmente o Chef Rivera, de Padrón, recibiu o Premio Cociña Galega en recoñecemento e homenaxe a quen dedicou toda a súa vida profesional á cociña. Entregou o premio Julio Castro, director do Parador Hostal dos Reis Católicos de Santiago.

Joan Roca, un tres estrelas para pór o broche final ao Fórum Santiago
A última xornada do Fórum volveu estar marcada pola presenza de grandes figuras da cociña internacional mostrando o seu talento en directo. Abriron a mañá os talleres de Pepe Solla e Jean Marie Baudic sobre a cociña do Atlántico, e de Sergio e Javier Torres, cunha selección de alimentos amazónicos. Sotohiro Kosugi mostrou o traballo co peixe cru; Bernard Lahousse e Peter Coucquyt explicaron a súa teoría do FoodPairing e Vitor Matos e Bento Amaral achegáronnos a cociña portuguesa. A xornada tamén incluíu sesións dos galegos Alfonso González e María Varela, Javier Olleros e Xoán Crujeiras; e os cataláns Jaume Estruch e Josep de Haro trataron sobre a relación ciencia-cociña. O famoso chef francés Pierre Gagnaire xunto a Gabino Sotelino, Julio Cerviño e Pep Palau trataron nun diálogo sobre o aspecto empresarial do mundo da cociña.

A xornada pechouse cunha sesión sobre "humildade e estrelas" ofrecida por Joan Roca, de El Celler de Can Roca. Ademais, durante todo o día o Recinto Feiral de Santiago, en Amio, continuou recibindo a visita de afeccionados á gastronomía.

Compartir: